Profesorado do IES Castelao denuncia censura da Secretaría Xeral da Lingua nun traballo sobre Begoña Caamaño

A polémica xurdiu despois de que a Administración autonómica introducise cambios nunha das ilustracións da obra antes da súa distribución en centros educativos galegos e do exterior
Cartel_censura-xunta
12 May 2026

Profesorado do IES Castelao de Vigo denunciou publicamente o que considera un caso de censura por parte da Secretaría Xeral da Lingua tras a modificación dun traballo gañador do Concurso-Exposición das Letras Galegas 2026 dedicado á escritora e xornalista Begoña Caamaño.

Segundo explicaron as persoas responsables do proxecto, a polémica xurdiu despois de que a Administración autonómica introducise cambios nunha das ilustracións da obra antes da súa distribución en centros educativos galegos e do exterior. O profesorado asegura que aceptou varias modificacións técnicas propostas inicialmente pola Secretaría, pero rexeitou eliminar unha bandeira galega coa estrela que aparecía nunha das imaxes ao considerala un elemento relevante para comprender o contexto vital e ideolóxico da autora homenaxeada.

Os docentes sosteñen que esa representación formaba parte da identidade e do pensamento de Begoña Caamaño e citan incluso referencias da académica Ana Romaní, quen destacou en diversas publicacións a dimensión política presente tanto na obra literaria como na traxectoria xornalística da escritora.

Segundo a versión do profesorado, tras negarse á retirada dese símbolo, aceptaron estudar unha alternativa que, aseguran, nunca chegou a ser remitida pola Secretaría Xeral da Lingua. Unha vez publicado o material, comprobaron que a estrela fora eliminada e que a bandeira aparecía modificada.

As persoas autoras do proxecto reclamaron explicacións á Administración autonómica amparándose na Lei de Propiedade Intelectual e nas bases do propio concurso, que establecen a necesidade de acordo cos autores para realizar cambios no traballo. A resposta recibida, segundo indican, atribuíu a modificación a “axustes establecidos” e a deformación da bandeira a un erro de imprenta.

O profesorado considera insuficientes estas explicacións e denuncia unha vulneración dos dereitos de propiedade intelectual, así como un intento de ocultar aspectos ideolóxicos vinculados á figura de Begoña Caamaño.

Por este motivo, decidiron facer pública a situación e reclamaron respecto pola liberdade de creación e pola representación íntegra da figura homenaxeada nas Letras Galegas 2026.

0.28358006477356