Protección Civil reúne en Baños de Molgas a máis de 350 voluntarios de toda Galicia

Baños de Molgas acolleu este sábado a X Xornada de Convivencia de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, un encontro celebrado no Santuario da Nosa Señora dos Milagres que reuniu a máis de 350 participantes procedentes de 54 agrupacións de toda Galicia.
A inauguración contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; o alcalde de Baños de Molgas, Manuel Fernández Movilla; o presidente das AVPC da provincia, Clemente Pérez; e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.
Durante o acto, Menor destacou o papel das agrupacións de Protección Civil na provincia de Ourense, que conta con 75 colectivos e 1.231 voluntarios. O presidente provincial puxo en valor a importancia deste servizo nun territorio rural, disperso e cunha poboación envellecida.
Menor reafirmou o compromiso da Deputación de Ourense de seguir colaborando coas agrupacións mediante recursos, formación e apoio loxístico.
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, destacou a dedicación do voluntariado e subliñou o compromiso do Goberno galego coas agrupacións de Protección Civil mediante diferentes liñas de apoio, entre elas a dotación de equipamento, o financiamento do seu funcionamento e a formación dos seus integrantes.
Segundo os datos facilitados pola Xunta, nos últimos anos destináronse case 16 millóns de euros en toda Galicia para a adquisición de preto de 1.600 equipamentos, como vehículos, embarcacións, equipos de excarceración ou ferramentas. A provincia de Ourense concentrou máis de 4,9 millóns de euros deste investimento e conta con 75 agrupacións e máis de 1.200 voluntarios.
A Administración autonómica lembrou tamén que este ano consolidou a liña de axudas ao funcionamento das agrupacións cun orzamento de 370.000 euros. En Ourense beneficiáronse 69 colectivos, que recibiron case 135.000 euros.
A xornada serviu tamén como espazo de encontro, intercambio de experiencias e mellora da coordinación entre agrupacións, que desenvolven un labor de apoio en emerxencias, episodios meteorolóxicos adversos e eventos públicos.