PSdeG, BNG, CCOO e A Mesa critican a actualización do Plan Xeral de Normalización do Galego presentada pola Xunta

Coinciden en cuestionar o alcance real da proposta e consideran insuficientes as medidas previstas para afrontar a situación da lingua.
Lingua-GALEGA
16 Jul 2026

A actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, presentada este martes pola Xunta e que inclúe arredor de 700 medidas para impulsar o uso do idioma, provocou unha inmediata reacción crítica por parte da oposición política e de entidades sociais e sindicais vinculadas á defensa do galego.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, acompañado polo secretario xeral da Lingua, deu a coñecer as principais liñas do documento nun acto ao que asistiron preto de 800 persoas. Porén, tanto PSdeG como BNG, CCOO e A Mesa pola Normalización Lingüística coinciden en cuestionar o alcance real da proposta e consideran insuficientes as medidas previstas para afrontar a situación da lingua.

A portavoz de lingua e cultura do Grupo Socialista, Silvia Longueira, denunciou o que cualificou como un intento da Xunta de empregar o novo plan “como tapadeira” das súas políticas lingüísticas. A deputada socialista considerou “impresentable” que o Goberno galego presentase o documento sen consensuar previamente as conclusións cos grupos de traballo participantes nin trasladalo aos grupos parlamentarios.

Longueira advertiu de que o texto non incorpora medidas de fondo para frear a perda de falantes e lamentou que o galego continúe “á cola das prioridades da Xunta”. “Non hai máis que medidas desnutridas que nin se parecen a liñas estratéxicas para frear a caída do número de falantes”, afirmou.

Nun ton aínda máis duro, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sostivo que a actualización non supón un verdadeiro pacto polo idioma, senón “un acto de propaganda” destinado a ocultar os efectos de 17 anos de políticas lingüísticas do PP. A líder nacionalista centrou as súas críticas na decisión de manter o decreto do plurilingüismo.

“A información da que dispoñemos é que Rueda vai manter o infame decreto contra o galego que fixo que a nosa lingua sexa unha lingua de segunda no ensino”, sinalou Pontón, quen concluíu que o presidente da Xunta se confirma como “o presidente do Non ao galego”.

Tamén Comisións Obreiras de Galicia expresou o seu desacordo coa proposta. O sindicato definiu o documento como unha “oportunidade perdida” e considerou “inadmisible” que non se modifique o decreto 79/2010, ao entender que a presenza actual do galego nas aulas está a ter consecuencias negativas no coñecemento e uso do idioma entre a mocidade.

CCOO sostén que o plan parte dun “diagnóstico equivocado” ao non situar o ensino como un ámbito prioritario e reclamou á Xunta que redacte un novo decreto educativo que incremente a presenza da lingua propia nas materias impartidas. A organización sindical advertiu de que, sen unha reforma profunda neste ámbito, o resto das medidas poden quedar “en papel mollado”.

Pola súa banda, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, asegurou que o resultado presentado pola Xunta é “inferior” ao Plan Xeral de Normalización aprobado por unanimidade en 2004. Ademais, criticou que a actualización non afronta a actual situación de emerxencia lingüística e cuestionou a súa capacidade para reverter o retroceso do galego.

As críticas chegan nun momento de especial preocupación pola evolución do uso social do idioma, un contexto no que as diferentes organizacións coinciden en reclamar medidas máis ambiciosas e un maior consenso político e social para garantir o futuro da lingua galega.

0.36432695388794