Remata a restauración dixital e un estado da «Raíña Orante» do coro do mestre Mateo

Coincidindo coa festividade do Apóstolo e co Día de Galicia, KosmoTech_1200 presenta a restauración dixital dunha das figuras máis belas e enigmáticas da catedral compostelá: a Virxe da Anunciación coñecida na historiografía como a «Raíña Orante», que formou parte do coro pétreo do mestre Mateo.
A restauración dixital acompáñase dunha investigación que abre unha nova perspectiva sobre a formación do obradoiro mateán e a súa dimensión internacional. O estudo identificou un paralelismo excepcional entre a escultura compostelá e a matriz de prata do selo de Constanza, filla e irmá de reis de Galicia e León, e raíña de Francia polo seu matrimonio con Luís VII. O seu pai foi Afonso VII, coroado rei de Galicia na catedral de Santiago por Xelmírez en 1111, e o seu irmán foi Fernando II, gran mecenas do mestre Mateo, cuxo sepulcro se atopa no Panteón Real compostelán.
A restauración dixital, realizada por Alexandre González Rivas, partiu dun modelo fotogramétrico de alta resolución e da análise de fotografías históricas que permitiron documentar as perdas sufridas pola escultura ao longo do século XX, especialmente no nariz e na coroa. Sobre esta base reintegráronse dixitalmente os elementos desaparecidos e elaborouse unha reconstrución hipotética da policromía, baseada nos pigmentos e motivos decorativos do Pórtico da Gloria e en manuscritos contemporáneos como o Tombo A da catedral.
Unha das novidades da investigación é a análise comparativa da escultura coa matriz orixinal do selo de Constanza, conservada na Bibliothèque nationale de France. Filla de Afonso VII e de Berenguela de Barcelona, Constanza casou en 1154 con Luís VII de Francia, integrándose na rede dinástica que conectaba a monarquía galaico-leonesa coa corte dos Capetos. Segundo o estudo, ambas as imaxes comparten un exquisito tratamento das superficies, no que tecido e epiderme parecen fundirse nun delicado efecto de «panos mollados» vinculado ás artes suntuarias. Este paralelismo non implica que a escultura sexa un retrato directo de Constanza, pero permite situala dentro do universo visual e cortesán que conectaba Compostela con París durante as décadas centrais do século XII.
A matriz do selo, datada arredor da morte de Constanza en 1160, proporciona ademais unha referencia cronolóxica para situar a «Raíña Orante» na década seguinte. A comparación permite avanzar tamén na datación doutras esculturas do coro recuperadas nas recentes escavacións arqueolóxicas, entre elas as pertencentes ao ciclo da Matanza dos Inocentes. As cabezas da Raíña Orante e do rei Herodes coinciden nos trazos, na técnica e na coroa, o que indica que foron realizadas pola mesma man.
A investigación foi desenvolvida por Francisco Prado-Vilar, investigador distinguido da USC e do CISPAC e investigador principal de KosmoTech_1200, durante unha estadía na Fondation Maison des Sciences de l’Homme de París. O traballo incluíu o estudo directo do selo no Cabinet des Médailles da Bibliothèque nationale de France e o intercambio con especialistas implicados na reconstrución do coro de Notre-Dame.