Remata sen éxito o prazo para presentar unha moción de censura contra Pérez Jácome

O Grupo Municipal Socialista no Concello de Ourense deu por rematado o prazo para presentar unha eventual moción de censura contra o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, sen que se chegase a artellar unha maioría alternativa que fixese posible o cambio de goberno.
A formación socialista considera que existía unha oportunidade para conformar un executivo alternativo que permitise devolver a estabilidade institucional á cidade, no contexto posterior á cuestión de confianza vinculada á aprobación dos orzamentos municipais.
Segundo explican, o grupo conta cun proxecto e un equipo preparados para asumir responsabilidades de goberno, aínda que recoñece que os seus votos non eran suficientes por si mesmos e que resultaba necesario o acordo co resto das forzas da oposición.
Neste sentido, aseguran que se produciron contactos e achegamentos con outras formacións políticas, pero que estes non prosperaron. Os socialistas apuntan que este bloqueo impediu avanzar cara a unha maioría alternativa e engaden que descoñecen se faltou vontade real de acordo ou se influíron outros factores políticos de cara ao próximo ciclo electoral.
A pesar de non terse materializado a moción de censura, o Grupo Municipal Socialista afirma que manterá unha oposición firme, construtiva e responsable durante o que resta de mandato, co obxectivo de evidenciar a existencia dunha alternativa de goberno.
O PSOE de Ourense sostén que a cidade sofre unha falta de dirección e capacidade de xestión por parte do actual executivo municipal, unha situación que, segundo indican, está a afectar ao seu desenvolvemento.
Finalmente, a formación reitera o seu compromiso de continuar traballando pola cidadanía e de manter aberta a vía do diálogo co resto de grupos para impulsar acordos que beneficien a Ourense.