Rueda destaca no Salón Gourmets a calidade da gastronomía galega como motor económico e de proxección internacional

Galicia reforza a súa presenza na principal feira alimentaria de Europa con 60 empresas e produtos recoñecidos internacionalmente.
Rueda Salon Gourmet
16 Apr 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a excelencia e calidade da gastronomía galega durante a súa visita aos stands de Galicia no Salón Gourmets de Madrid, unha das principais feiras internacionais de alimentación e bebidas de calidade.

Rueda subliñou que este evento supón “un escaparate fantástico” para que os produtos galegos cheguen a novos consumidores e mercados, incidindo na importancia de contar cunha presenza destacada acorde á “potencia dos produtos da terra e do mar”.

Durante o percorrido, acompañado pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, lembrou que o sector alimentario é clave para a economía galega, xerando valor engadido e miles de postos de traballo. “Temos unhas materias primas fantásticas que xa se transforman en Galicia e que cada vez teñen maior recoñecemento”, afirmou.

Galicia sitúase como unha das principais potencias pesqueiras de Europa e está entre as comunidades con máis produtos alimentarios con certificación de calidade, cunha trintena longa de denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, ademais de producións baixo selos de Artesanía Alimentaria e Agricultura Ecolóxica.

O presidente destacou tamén o papel da gastronomía como un dos principais atractivos turísticos de Galicia e como parte esencial da súa identidade. “Os nosos produtos representan esa Galicia Calidade que queremos exportar a todo o mundo”, sinalou.

60 empresas galegas e recoñecementos internacionais

Nesta edición do Salón Gourmets participan arredor de 60 empresas galegas que presentan produtos como viños, queixos, conservas, castañas, polbo ou mel, ademais de desenvolver actividades como catas, degustacións e presentacións gastronómicas.

A feira tamén recoñeceu a calidade dos produtos galegos coa entrega dos premios GourmetQuesos 2026, nos que Galicia acadou 12 galardóns en 20 categorías, destacando 10 queixos entre os mellores do ano en España.

0.47371292114258