Rueda di que Galicia será a Capital iberoamericana da gastronomía saudable ata 2027

Reivindica a importancia deste recoñecemento na antesala do Xacobeo, no que se espera unha afluencia histórica de visitantes
obradoiro-alimentacion-cociña-saudable-celanova
10 Jul 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou hoxe que Galicia será a Capital iberoamericana da gastronomía saudable entre este ano e 2027, o que servirá para potenciar a cociña galega como un dos piares da actividade turística, da proxección exterior e da identidade propia da comunidade autónoma.

O titular do executivo autonómico asinou esta mañá un convenio de colaboración neste sentido co presidente da Academia Iberoamericana de Gastronomía, Rafael Ansón. Durante o tempo que dure a capitalidade, organizaranse diversos tipos de actividades como campañas de difusión, elaboraranse materiais como recetarios ou revistas, así como tamén se celebrarán concursos e congresos.

O obxectivo é poñer en valor a gastronomía propia, e os produtos do mar e da terra, como un dos mellores exemplos de Galicia Calidade, e difundir este atractivo, principalmente, entre os visitantes iberoamericanos. Galicia súmase así a outros lugares que xa desfrutaron deste recoñecemento en anos anteriores como Córdoba, Bos Aires, Lima, Lisboa ou Madrid.

Na súa intervención, Rueda destacou que con esta iniciativa dáse continuidade aos esforzos que está facendo a Xunta por consolidar a gastronomía como un dos piares do turismo, tal e como se recolle na Estratexia para o sector ata 2030. Así, recordou que o 35% dos viaxeiros que visitaron a comunidade autónoma o ano pasado citaron a gastronomía como un dos principais motivos para facelo; ou que a comunidade conta con 19 restaurantes con Estrelas Michelin e 49 establecementos recoñecidos con Soles Repsol.

Ademais, valorou a importancia de obter este recoñecemento na antesala do Xacobeo 2027, no que se espera unha afluencia histórica de visitantes -moitos, precisamente, procedentes de Iberoamérica-.

No acto tamén se rubricou o Manifesto da gastronomía saudable, un documento de 10 puntos no que se propón a visión de Galicia dunha cociña saudable e sustentable para o planeta.

0.27780699729919