Santiago acollerá do 3 ao 5 de novembro PALCO, o primeiro encontro da industria musical de Galicia

A organización ampliou ata o 10 de agosto o prazo para presentar propostas á convocatoria artística do evento impulsado por AGEM e a Xunta de Galicia
presentación-PALCO-Santiago-de-Compostela-26
6 Aug 2026

A organización de PALCO, o primeiro encontro profesional da industria musical que se celebrará en Galicia, ampliou ata o vindeiro 10 de agosto o prazo para participar na súa convocatoria artística. A iniciativa, promovida pola Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e a Xunta de Galicia, busca reunir en Santiago de Compostela a artistas, empresas, programadores e institucións nun foro de intercambio, promoción e creación de oportunidades para o sector.

PALCO desenvolverase entre os días 3 e 5 de novembro de 2026 na Cidade da Cultura e noutros espazos da capital galega, converténdose no primeiro gran punto de encontro anual da industria musical celebrado na comunidade. A organización destaca que o obxectivo é dar visibilidade ao talento e aos proxectos musicais galegos, favorecer a creación de redes profesionais e reforzar o papel de Galicia como territorio de creación e industria cultural.

A convocatoria artística aberta permitirá seleccionar proxectos musicais que representen a diversidade e a calidade da escena galega actual. Os artistas e formacións interesadas poderán presentar as súas propostas a través da páxina web oficial do evento ata o 10 de agosto.

Ademais da programación musical, PALCO incluirá espazos profesionais destinados ao intercambio de coñecemento e á creación de novas oportunidades de colaboración. Entre as próximas accións previstas figura unha convocatoria de presentacións breves ou pitchings, dirixida a proxectos, servizos e iniciativas vinculadas á industria musical. O prazo para participar nesta modalidade abrirase o 10 de agosto e permanecerá activo ata o 10 de setembro.

A organización prevé tamén a apertura das acreditacións profesionais, que permitirán acceder ao conxunto das actividades e aos espazos de traballo habilitados no Museo Centro Gaiás.

No marco deste encontro celebrarase igualmente a segunda edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, que pasan a denominarse Premios PALCO. Os galardóns recoñecerán proxectos, profesionais e iniciativas destacadas polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, a sustentabilidade e o desenvolvemento do sector musical galego.

A entrega dos premios terá lugar o 3 de novembro na Sala Capitol de Santiago de Compostela, nun acto concebido como punto de encontro para os diferentes axentes da industria musical galega. Desde a organización destacan que os premios buscan visibilizar o talento existente na comunidade e contribuír ao fortalecemento dun sector que vive un momento de especial dinamismo e proxección.

0.41739511489868