Santiago presenta o novo Centro de Distribución de Mercadorías para reducir o tráfico na Cidade Histórica

Sanmartín sinalou que este proxecto permitirá adquirir experiencia na xestión da loxística de última milla en zonas de baixas emisións, converténdose nun modelo que poderá servir de referencia para outras cidades
visita-nova-nave-distribucion-de-mercadorias-santiago
30 Jul 2026

O Concello de Santiago presentou este xoves as instalacións do novo Centro de Distribución de Mercadorías, unha infraestrutura destinada a diminuír o impacto do tráfico de reparto na Cidade Histórica e a favorecer un modelo de mobilidade máis sostible e respectuoso co patrimonio. A visita estivo encabezada pola alcaldesa, Goretti Sanmartín Rei, acompañada polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o presidente de Mercasa, José Miñones; o xerente do Consorcio de Santiago, José Antonio Domínguez; e a xerente de Mercagalicia, Belén Hernández, que foi a encargada de guiar o percorrido polas instalacións.

O centro, situado xunto á sede de Mercagalicia, no Polígono Industrial do Tambre, nace co obxectivo de centralizar a recepción das mercadorías destinadas aos negocios da Cidade Histórica para realizar posteriormente a súa distribución mediante vehículos de cero emisións e de menor tamaño, reducindo así o número de desprazamentos e o impacto sobre o espazo urbano.

Durante a visita, a alcaldesa destacou que esta infraestrutura responde á necesidade de avanzar cara a un modelo de distribución adaptado ás zonas históricas, onde resulta imprescindible reducir tanto as emisións contaminantes como o volume e dimensión dos vehículos. Segundo indicou, máis de tres décadas despois da peonalización da Cidade Histórica, cómpre dar un novo paso para aliviar a saturación das rúas durante os horarios de reparto, protexer os pavimentos e os edificios patrimoniais e mellorar a calidade de vida da veciñanza.

Sanmartín tamén sinalou que este proxecto permitirá adquirir experiencia na xestión da loxística de última milla en zonas de baixas emisións, converténdose nun modelo que poderá servir de referencia para outras cidades. Ademais, puxo en valor a capacidade de crecemento da plataforma e a súa función como elemento de conexión entre a produción e o consumo, coa Praza de Abastos como peza clave da cadea alimentaria.

Pola súa banda, José Miñones cualificou a infraestrutura como un proxecto transformador chamado a converterse nun referente para outras cidades españolas e para a Rede de Mercas. Tamén o delegado do Goberno, Pedro Blanco, destacou que se trata dun proxecto froito da colaboración institucional que contribuirá a facer de Santiago unha cidade máis amable, mellorando a calidade do espazo urbano e a conservación da Cidade Histórica.

O centro loxístico ocupa unha parcela de 40.000 metros cadrados no norte do Polígono do Tambre e dispón dunha plataforma de 2.335 metros cadrados, con zonas de carga e descarga, áreas de aparcamento e peiraos con capacidade para atender varios vehículos de maneira simultánea. A súa capacidade permitirá absorber ata 212 toneladas de mercadoría nos días de maior actividade, evitando máis de 200 desprazamentos diarios de furgonetas de reparto cara ao centro histórico.

Na actualidade existen 1.087 establecementos comerciais na Cidade Histórica, dos que 808 se concentran na coñecida como "améndoa". Segundo un estudo elaborado por Uninova, a plataforma está preparada para atender a demanda actual e conta con marxe suficiente para afrontar futuras necesidades de crecemento.

O proxecto foi impulsado polo Concello de Santiago en colaboración co Consorcio de Santiago e Mercasa, mentres que a empresa pública Mercagalicia será a encargada da súa xestión diaria. O investimento total ascendeu a preto de 5,9 millóns de euros, dos que máis de 3,9 millóns proceden dunha subvención da Secretaría Xeral de Transportes e Mobilidade do Goberno de España, financiada a través dos fondos europeos Next Generation. O Concello achegou os terreos, redactou o proxecto e executou as obras de urbanización exterior, mentres que o Consorcio asumiu a construción da infraestrutura coa colaboración da empresa pública Tragsa.

0.3386549949646