Sarria converterase no epicentro cultural de Galicia coa celebración do festival Ultreia et Suseia 2026

A quinta edición do Festival Ultreia et Suseia celebrarase en Sarria entre os días 14 e 19 de xullo cunha programación aberta e multidisciplinar que volverá converter a vila nun punto de encontro entre cultura galega, participación veciñal e Camiño de Santiago.
O evento está coordinado por Etiqueta Negra Producciones e conta co apoio da Xunta de Galicia a través de O Teu Xacobeo, da Deputación de Lugo mediante a Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística, do Concello de Sarria a través de Sarria Turismo e da Fundación Comarca de Sarria.
Baixo o lema “Todo o que somos”, esta edición estruturarase arredor de cinco grandes eixos: humor, baile tradicional, historias, artes escénicas e música. O festival volverá apostar pola activación de diferentes espazos da vila e pola implicación das asociacións culturais da comarca na creación de contidos propios, reforzando así o carácter participativo dunha cita construída desde Sarria e para Sarria.
No apartado de humor, o festival contará coa presenza dos influencers Pepe y Lucas, que presentarán o espectáculo teatral “Dentro y Fuera”, no que trasladan ao escenario o seu universo dixital e cómico. A programación completarase con “O Recuncho da Comedia”, que reunirá a tres referentes do humor galego actual: Xosé Antonio Touriñán, David Amor e Leti da Taberna.
A danza tradicional volverá ocupar un lugar destacado na programación coa participación de colectivos como Crearte, Meigas e Trasgos e Peleriños, que desenvolverán obradoiros, accións escénicas e propostas vinculadas á transmisión da tradición e á participación colectiva.
A palabra, a memoria e a narración oral estarán representadas por figuras como Quico Cadaval, Paula Regueiro, Silvia Mondelo e César No. Nesta liña volverán celebrarse propostas como os “Contos Sonoros” e as “Camiñografías”, iniciativas que transformarán as rúas e a historia de Sarria en espazos escénicos.
O festival ampliará tamén a súa dimensión artística coa participación da Asociación Huhú e de Rebuldeira Teatro, que achegarán propostas centradas na creación plástica, a escena e a participación comunitaria.
A música terá igualmente un papel central nesta quinta edición coa participación de artistas como Lisdexia ou Diego Flâneur & Ünder, así como de colectivos e agrupacións como Por Vir, Rúa da Música, Sarricanta, a Banda de Música de Sarria, a Banda de Música da Comarca de Sarria e a Coral Polifónica de Sarria.
Entre as propostas especiais desta edición figuran “A Romaxe do Camiño”, que reunirá intervencións musicais e participativas en diferentes puntos da vila, e “A Illa do Tempo”, unha creación colectiva na que participarán agrupacións culturais e artistas da comarca.
Con esta nova edición, Ultreia et Suseia reafirma o seu compromiso coa cultura galega contemporánea, co asociacionismo cultural e coa dinamización dos espazos públicos de Sarria, consolidándose como unha das citas culturais máis singulares do verán galego.