SATSE denuncia que o Sergas impón cambios de quendas en Atención Primaria sen negociación previa en Ourense

O sindicato de enfermería SATSE denuncia a decisión da Área Sanitaria de Ourense de modificar a organización das quendas de enfermaría e fisioterapia en Atención Primaria sen negociación previa cos representantes do persoal, unha medida que consideran imposta de forma unilateral e con impacto tanto nas condicións laborais como na atención á cidadanía.
Segundo explica a organización sindical, a Dirección Asistencial prevé aplicar cambios en todas as prazas vacantes e resultas derivadas do concurso de traslados de 2026, o que afectaría á organización dos denominados “turnos deslizantes” en centros de saúde con horario de mañá e tarde. SATSE sostén que esta reorganización se pretende estender a todas as prazas de enfermaría de Atención Primaria sen consenso previo.
O sindicato critica que o novo modelo obrigaría ao persoal de enfermaría a adaptar os seus horarios aos dos médicos adscritos a cada cupo, o que, ao seu xuízo, limita a autonomía profesional e dificulta a posibilidade de escoller quendas fixas. No caso da fisioterapia, denuncian tamén alteracións na organización dos tratamentos, que poderían verse condicionados por cambios horarios ao longo da semana.
SATSE considera que non existe xustificación asistencial para esta medida e lembra que en Galicia os usuarios teñen recoñecida a libre elección de médico e enfermeira, polo que cuestiona a necesidade de vincular de forma obrigatoria os horarios entre profesionais.
A organización sindical tamén apunta a problemas estruturais de fondo, especialmente na provincia de Ourense, onde sinala a falta de infraestruturas sanitarias axeitadas e a ausencia de planificación para responder ao aumento da demanda asistencial e ao envellecemento da poboación. Neste sentido, sosteñen que a medida responde máis a unha falta de recursos que a unha mellora organizativa real.
SATSE reclama a paralización inmediata da proposta e a apertura dun proceso de negociación co persoal e as organizacións sindicais, así como a elaboración dun plan de infraestruturas e recursos humanos que dea resposta ás necesidades da Atención Primaria. O sindicato conclúe que a situación actual non debe resolverse mediante imposicións, senón a través do diálogo e da planificación sanitaria.