SATSE Galicia reclama ao Sergas que elimine a discriminación nas reducións de xornada e garanta unha conciliación real

SATSE Galicia esixiu ao Sergas que regularice as retribucións dos complementos de carreira profesional e dos trienios do persoal que se atopa en situación de redución de xornada laboral, ao considerar que a actual aplicación da norma supón unha discriminación, especialmente para as mulleres, que son maioritariamente quen recorren a esta medida de conciliación.
O sindicato de Enfermaría apoia a súa reclamación nunha sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo de Vitoria-Gasteiz que cuestiona os recortes aplicados nestes complementos e que, segundo a organización, evidencia unha interpretación restritiva dos dereitos de conciliación por parte da Administración sanitaria.
Segundo denuncia SATSE, o Sergas reduce non só o salario base das enfermeiras e fisioterapeutas que exercen o seu dereito á redución de xornada, senón tamén complementos vinculados á categoría profesional, á experiencia acumulada e á carreira profesional. Para o sindicato, esta práctica transforma un dereito recoñecido legalmente nunha penalización económica para quen decide conciliar a súa vida laboral e familiar.
A organización sindical sostén que esta situación afecta de maneira especial ás mulleres e contribúe a perpetuar a fenda de xénero dentro da sanidade pública galega. Neste sentido, considera contraditorio que a Xunta promova publicamente políticas de igualdade e conciliación mentres, ao seu xuízo, mantén medidas que supoñen unha perda económica para os profesionais que fan uso destes dereitos.
SATSE asegura ademais que esta fórmula permite á Administración aforrar recursos a través da redución das retribucións do persoal que solicita medidas de conciliación. O sindicato entende que esta práctica converte un dereito laboral nun mecanismo indirecto de contención do gasto en persoal.
Por todo iso, a organización reclama ao Sergas a revisión desta política retributiva e a adaptación das condicións laborais para garantir unha conciliación efectiva sen consecuencias económicas para os profesionais sanitarios que exercen este dereito.