Sidecars e París de Noia protagonizan a programación do luns festivo en Lugo

Este luns, 5 de outubro, día de San Froilán e xornada festiva en Lugo, concentrará unha ampla programación con propostas musicais, culturais e tradicionais repartidas por diferentes espazos da cidade. Entre as principais citas da xornada destacan o concerto de Sidecars na praza do Seminario e a verbena da París de Noia en Augas Férreas.
A programación musical comezará pola mañá coa Banda Filarmónica de Lugo, que ofrecerá ás 13.00 horas na praza de Santa María un concerto de homenaxe a célebres compositores lucenses. Xa pola tarde, ás 18.00 horas, a praza da Soidade acollerá o tardeo da Duendeneta, mentres que ás 19.00 horas terá lugar a Verbena Galega D'Antes, un espectáculo participativo.
A partir das 19.30 horas, a praza Maior será escenario da verbena da Orquesta Principal. Ás 21.00 horas, Brath actuará en Santa María e, media hora despois, ás 21.30 horas, chegará unha das principais citas do día coa actuación de Sidecars na praza do Seminario. A esa mesma hora, a París de Noia ofrecerá unha verbena en Augas Férreas.
A xornada festiva tamén permitirá achegarse á tradición e á artesanía. A XXXII Feira do Mel permanecerá aberta na praza de Santo Domingo entre as 10.00 e as 21.00 horas, mentres que a praza da Mosqueira acollerá desde as 11.00 horas a Feira de Antigüidades e Coleccionismo.
Dentro da programación X Cultura e Tradición no Camiño celebraranse ás 11.00 e ás 17.00 horas os talleres de cestería de colmo II, impartido por Álvaro M. Leiro, e de cestería de vimbio II, a cargo de Beatriz Valín, na Oficina de Turismo da Xunta de Galicia e no Espazo Relembra. A actividade require inscrición previa a través do correo traxandaina@gmail.com. Ás 19.00 horas, o Grupo de Zanfona da Tradescola ofrecerá unha actuación musical no mesmo espazo.
Un dos actos centrais do día será a tradicional ofrenda da Corporación Municipal a San Froilán, que terá lugar ás 12.00 horas na Catedral de Lugo.
As rúas da cidade estarán tamén animadas durante toda a xornada con diferentes pasarrúas. Ás 12.00 horas actuarán Foliada de Bosende por Quiroga Ballesteros, praza de Santo Domingo e Soidade; Son de Lugh pola rúa Nova, Tinería e praza da Soidade; Caivanca polo Camiño Real e a praza da Milagrosa, e A Volta do Agro por Recatelo e o recinto feiral. Ás 12.30 horas será a quenda de Os Pelúdez entre nós no recinto feiral.
Xa pola noite, ás 20.00 horas, Batukada Cadabatú percorrerá a rúa Nova, Tinería e praza da Soidade; Foliada de Bosende pasará por Rafael de Vega, Montero Ríos, Paxariños e Ramón Montenegro; Son de Lugh estará por Fonte do Rei, San Roque e Mártires de Carral, e A Volta do Agro actuará pola Piringalla.
Deste xeito, o luns de San Froilán combinará durante toda a xornada música, tradición, actividades culturais e propostas de ocio, con Sidecars e París de Noia como dous dos principais reclamos dunha programación que se estenderá desde primeira hora da mañá ata a noite.