Simega presenta once alegacións ao anteproxecto de Estatuto Marco aprobado polo Goberno

Persegue garantir un recoñecemento efectivo das particularidades da profesión médica e evitar que sigan consolidándose condicións de desigualdade
medico-gaza
12 Jun 2026

O Sindicato de Médicos de Galicia (SIMEGA) presentou unha batería de once alegacións ao anteproxecto de Estatuto Marco aprobado polo Goberno, ao considerar que o texto impulsado polo Ministerio de Sanidade non só ignora as singularidades da profesión médica e facultativa, senón que consolida desigualdades históricas e perpetúa un modelo laboral especialmente gravoso para médicos e facultativos.

A organización sindical denuncia que o novo marco normativo "mantén un trato diferenciado que sitúa o colectivo médico nunha posición de desvantaxe respecto doutros profesionais sanitarios, sen recoñecer adecuadamente a responsabilidade, dispoñibilidade e esixencia asistencial inherentes ao exercicio da medicina".

Coas alegacións presentadas perséguese garantir un recoñecemento efectivo das particularidades da profesión médica e evitar que o futuro Estatuto Marco siga consolidando condicións de desigualdade.

Para acadar estes obxectivos, as reivindicacións céntranse na regulación das gardas médicas, a clasificación profesional, as condicións de xubilación, o recoñecemento retributivo, a negociación específica do colectivo médico, a mellora da Formación Sanitaria Especializada e o establecemento de límites efectivos fronte a unha sobrecarga asistencial cada vez máis insostible.

As alegacións tamén incorporan medidas dirixidas a protexer a saúde física e mental dos profesionais, mellorar as condicións de formación e traballo dos médicos residentes, recoñecer o labor dos titores de Formación Sanitaria Especializada e establecer incentivos e límites reais de carga asistencial naqueles ámbitos con déficit estrutural de facultativos.

O Sindicato de Médicos de Galicia subliña que o anteproxecto do Ministerio de Sanidade "consolida un réxime de xornada diferenciado e máis gravoso para os facultativos, sustentado nun sistema de gardas obrigatorias que continúa sen recibir un recoñecemento equivalente nin desde o punto de vista económico nin en termos de protección profesional".

Engade, neste sentido, que "a medicina non pode seguir sosténdose sobre un modelo de sobreesforzo permanente e dereitos recortados, polo que resulta imprescindible que toda hora traballada sexa recoñecida, computada e remunerada en condicións de igualdade, poñendo fin a un sistema que consideran discriminatorio para médicos e facultativos".

SIMEGA considera que está en xogo moito máis ca un texto normativo, "porque se están decidindo as condicións nas que traballan quen sosteñen o noso sistema sanitario e, polo tanto, a calidade asistencial que recibe toda a poboación, polo que se non se atenden as peticións dos profesionais —conclúen— poderían vulnerarse dereitos de médicos e facultativos, pero tamén de cidadáns e pacientes".

0.3347909450531