'Queremos recuperar a esencia das romerías tradicionais galegas mesturando tamén a vangarda que crea continuamente a xente nova': así é A Muinhada, o festival arredor do río Lambre

Por Noelia Uceira

No punto exacto onde conflúen os concellos de Miño, Vilarmaior, Irixoa e Paderne, a auga do río Lambre arrastra algo máis ca corrente. Xunto á antiga cabana de pescadores de Goimil, nas inmediacións da antiga Central Hidroeléctrica, nace cada terceira fin de semana de xullo o festival Muinhada. Un evento que celebra a súa quinta edición este 2026 e que desafía as dinámicas dos macrofestivais do verán para reivindicar o patrimonio cultural e natural da comarca.
A iniciativa, impulsada pola Asociación Cultural A Chalana de Miño, e que este ano conta coa estreita colaboración do Concello de Vilarmaior, xurdiu da necesidade de atopar un espazo libre de trabas tras os continuos problemas para sacar adiante outro festival no núcleo urbano. 'Decidimos desprazarnos de Miño uns 7 ou 8 quilómetros cara ao interior e aí foi onde acabamos', resume Miguel, integrante da asociación. Alí descubriron a contorna idónea para dar vida a un festival que, segundo explican, busca poñer en valor os artistas da comarca e servir de escaparate para creadores noveis, unha aposta que constitúe o verdadeiro núcleo e motor da súa proposta. 'A nosa idea é darlles un espazo para que poidan representar, expresar e expoñer a súa obra', detalla.

Este ano, ademais, a xornada principal do festival coincide co 25 de xullo, Día de Galicia, unha circunstancia que a organización afronta con optimismo, aínda que sen perder de vista a competencia doutras moitas celebracións repartidas por toda a comunidade. 'Non me atrevería a dicir se virá máis xente, porque temos moita competencia, pero sabemos que hai un público que repite cada ano', explica Miguel.
Ademais, cada ano o festival fai xirar a súa programación arredor dunha disciplina artística diferente. Despois de dedicar edicións anteriores a ámbitos como a pintura, este ano o gran protagonista será o teatro comarcal, buscando dar visibilidade ás compañías da zona. Máis aló do plano artístico, o compromiso social do festival tamén estará presente nesta edición coa colaboración da Plataforma Comarca de Betanzos con Palestina, que organiza a charla de Sandra Garrido. Nela compartirá de primeira man a súa experiencia a bordo da Global Sumud Flotilla e o seu labor de activismo para tratar de frear a guerra de Israel e facer chegar axuda humanitaria a Gaza.

A diferenza das citas musicais convencionais, os organizadores de Muinhada buscan recuperar o espírito das antigas festas comunitarias galegas, adaptándoo aos novos tempos. 'Antigamente na contorna onde facemos o festival había unha romaría e nós temos esa idea, que algún día Muinhada acabe recuperando a esencia das romarías tradicionais galegas mesturando tamén a vangarda que crea continuamente a mocidade'. Ese carácter define o ambiente do festival, que prefiren cualificar como interxeracional antes ca familiar. Miguel reflexiona sobre esta diferenza explicando que lle gusta falar dun evento interxeracional 'porque o concepto familiar restrinxe a inclusión dos adolescentes. E cando falamos dunha actividade interxeracional, os adolescentes teñen o seu espazo'.
Mesmo no plano gastronómico, o festival rompe cos esquemas habituais. Fronte ao tradicional churrasco das verbenas e festas galegas, Muinhada apostou desde a súa primeira edición por ofrecer tamén comida vegana. 'Creo que se integrou ben porque tanto as persoas veganas como as non veganas teñen o seu espazo. As festas non sempre teñen que ser arredor da carne, tamén poden existir outras alternativas, como os pementos ou calquera outra verdura', apunta Miguel.

Un dos momentos máis singulares e con maior arraigamento dentro da programación deste ano será a ruta guiada para descubrir os petróglifos prehistóricos de Vilarmaior, gravados rupestres anteriores á chegada dos romanos. Para poder contemplalos en todo o seu esplendor, a visita realízase obrigatoriamente ao caer o sol. 'Hai que facelo de noite porque os petróglifos durante o día vense mal, pero durante a noite coa iluminación das lanternas é cando se aprecian mellor os relevos'.
Para Miguel, esta actividade representa á perfección o espírito do festival: 'A ruta, sobre as 22.00 horas, xera un ambiente bastante distendido de paseo, de aprendizaxe, de contacto coa natureza e tamén coa enerxía nocturna'. De feito, a ruta é unha das actividades con prazas limitadas e está xa practicamente completa. Desde A Chalana confían en que a difusión desta quinta edición permita que máis persoas descubran o festival e se animen a regresar nas vindeiras edicións.

Sacar adiante un evento destas características de maneira totalmente independente é un desafío constante. Ao tratarse dunha proposta multidisciplinar, afastada das masas e moi enfocada na promoción da arte de proximidade, A Muinhada atópase a miúdo co muro da burocracia institucional. 'Entendemos que somos un festival atípico, non somos un festival musical, e parece ser que non se adecúa moito ao tipo de subvencións que existen para este tipo de eventos', lamentan desde a organización. 'É unha mágoa que nin a Deputación nin a Xunta de Galicia nos estean apoiando economicamente'.
A pesar das dificultades financeiras, o motor do festival continúa sendo a ilusión colectiva e o desexo de ofrecer unha alternativa refrescante ás aglomeracións do verán, impulsando sempre os creadores da nosa propia terra. Para quen aínda non coñeza este recuncho do río Lambre, a invitación da organización é clara: 'A mellor forma de escapar da calor é vir ao río. E se ademais vai haber música, actividades culturais e moi bo ambiente, que máis se pode pedir?'.
