Son de Seu celebra o seu 25 aniversario no Mar de Vigo con Cupeiro, Tanxugueiras, Xabier Díaz e Romaní

A Orquestra Folk Son de Seu conmemorará o seu 25 aniversario o 9 de maio no Auditorio Mar de Vigo cun concerto especial que reunirá figuras de proxección nacional e internacional
Son de Seu
25 Feb 2026

A Orquestra Folk de Galicia Son de Seu celebrará o seu 25 aniversario o vindeiro 9 de maio cun concerto especial no Auditorio Mar de Vigo, a partir das 20:30 horas.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, animou á cidadanía a acudir a esta cita musical, que definiu como un “encontro excepcional”, e destacou que Son de Seu é “unha orquestra folk excepcional” da que Vigo debe sentirse orgullosa.

No concerto participarán artistas de proxección nacional e internacional como Abraham Cupeiro, Tanxugueiras, Xabier Díaz e Rodrigo Romaní, que se sumarán á formación para facer desta celebración unha cita única.

O presidente da Fundación Son de Seu, Anxo Pintos, destacou a “emoción” de alcanzar os 25 anos de actividade e poñer en marcha un concerto que reunirá a destacados intérpretes nunha celebración “singular e irrepetible”. Tamén puxo en valor o apoio do Concello á música viguesa nun “hábitat musical espléndido”.

A orquestra está conformada por 60 músicos e conta con seccións de gaita, pandereteiras, zanfona, arpa céltica, violín folk, requintas, buzukis, contrabaixo e percusión. “É unha orquestra con ambición profesional”, subliñou Pintos.

Na presentación tamén participaron a tenente de alcalde, Carmela Silva; o concelleiro de Cultura, Gorka Gómez; o director da formación, Xaquín Xesteira; e a técnica do departamento de música tradicional da ETRAD, Begoña Riobó.

0.28412485122681