Sumar Galicia e UGT poñen en marcha unha ILP para garantir o dereito á vivenda en Galicia

A iniciativa, apoiada tamén por Verdes Equo, propón limitar os alugueiros a un terzo do SMI, ampliar a vivenda universitaria pública e reforzar o control sobre os pisos turísticos
dereito-a-vivenda-en-galicia-ugt-sumar
7 Sep 2026

Sumar Galicia e UGT-Galicia presentaron este luns en Santiago de Compostela a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) “Polo dereito á vivenda en Galicia”, unha proposta que pretende impulsar medidas para facilitar o acceso á vivenda e facer fronte ao incremento dos prezos dos alugueiros e da compra. A iniciativa conta tamén co apoio de Verdes Equo Galicia e terá que reunir polo menos 10.000 sinaturas para chegar ao Parlamento galego, nun proceso que se prolongará durante uns 14 meses.

A proposta parte da consideración de que a crise habitacional xa non afecta unicamente ás grandes cidades, senón que se estendeu tamén ás vilas medianas e pequenas, especialmente nas zonas costeiras e no rural. Os promotores da ILP denuncian que o encarecemento da vivenda avanzou moi por riba da capacidade económica dos fogares mentres o parque público segue sendo insuficiente.

Entre as principais medidas figura establecer un límite máximo para o alugueiro das vivendas destinadas a residencia habitual, fixado nun terzo do salario mínimo interprofesional (SMI). Para os fogares máis vulnerables, a iniciativa contempla ademais axudas públicas destinadas a cubrir a parte do alugueiro que supere o 20% dos ingresos dispoñibles da unidade de convivencia.

A ILP tamén propón incrementar de maneira significativa a oferta pública de residencias universitarias. Para iso, aposta por un plan galego que permita que o 80% das prazas sexan públicas nun prazo de dez anos, xunto cunha regulación dos prezos para garantir tarifas accesibles e transparentes.

Outro dos eixes da iniciativa é o control das vivendas de uso turístico. Sumar e UGT defenden que a inscrición no rexistro autonómico estea condicionada á existencia previa dunha licenza municipal ou dun pronunciamento expreso sobre a compatibilidade urbanística da actividade. Tamén reclaman un sistema de intercambio de información entre Xunta e concellos e un reforzo das inspeccións para detectar pisos turísticos ilegais.

A proposta incorpora igualmente medidas para combater a discriminación no acceso ao alugueiro e establece que as vivendas de promoción pública, protección autonómica ou promoción privada protexida manteñan de forma permanente a súa condición, mesmo cando cambien de propietario.

O secretario xeral de UGT-Galicia, Cristóbal Medeiros, advertiu de que o problema da vivenda afecta xa directamente ás persoas traballadoras, mesmo a aquelas con emprego estable. “Un salario non é só o que entra na conta. É o que queda despois de pagar a vivenda”, afirmou.

Medeiros sinalou que a taxa de risco de pobreza entre as persoas que viven de alugueiro rolda o 32% en Galicia, fronte a algo máis do 10% entre quen reside nunha vivenda en propiedade. Tamén apuntou que tres de cada catro mozos e mozas de entre 18 e 29 anos continúan no fogar familiar. “Non temos unha mocidade acomodada. Temos unha mocidade bloqueada”, asegurou.

O responsable sindical vinculou tamén a falta de vivenda coa capacidade para cubrir determinados postos de traballo. “Non podemos pedirlle a unha enfermeira, a un mestre, ou a unha camareira que se traslade a unha localidade na que o alugueiro se vai comer boa parte do seu salario”, afirmou, antes de concluír: “Iso non é mobilidade laboral. Iso é facer imposible o emprego”.

No ámbito das vivendas turísticas, UGT quere que o control se estenda tamén ás condicións laborais das persoas que traballan nelas, con especial atención ao rexistro da xornada, aos desprazamentos, á aplicación dos convenios colectivos, aos salarios e á prevención de riscos. Medeiros advertiu da presenza de emprego precario, traballo non declarado e xornadas parciais que non sempre se corresponden coas horas efectivamente traballadas. “Non se pode facer turismo de luxo con emprego precario”, sentenciou.

Segundo os datos manexados polo sindicato, o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda Protexida de Galicia conta con preto de 36.000 inscricións, máis de sete de cada dez para acceder a unha vivenda en alugueiro ou en alugueiro con opción de compra. Por iso, UGT defende que as vivendas protexidas non poidan perder esa condición co paso do tempo. “Unha vivenda protexida non pode ser social ao principio e especulativa ao final”, afirmou Medeiros.

Pola súa banda, o secretario xeral de Sumar Galicia, Paulo Carlos López, explicou que a iniciativa comeza agora un percorrido que deberá culminar no Parlamento galego tras a recollida das sinaturas necesarias, que poderá realizarse tanto presencialmente como por vía telemática.

A portavoz de Sumar no Congreso, Verónica M. Barbero, acusou a Xunta de falta de vontade política para afrontar a situación e lembrou que os prezos do alugueiro aumentaron un 60% nos últimos dez anos. Ao seu xuízo, a emerxencia habitacional “non é inevitable” e require medidas públicas para garantir o acceso á vivenda.

Os promotores da ILP reclaman así o apoio da cidadanía e das forzas políticas para que o debate sobre a vivenda se traduza en medidas concretas. “Se unha persoa traballa a xornada completa e, aínda así, non pode pagar un fogar, non fracasou esa persoa, fracasou a sociedade”, concluíu Medeiros.

0.36866307258606