Take That e Roger Waters Legacy actuarán no Coliseum da Coruña en 2027

O Coliseum da Coruña incorporará dous novos concertos internacionais á súa programación de 2027. Take That actuará na cidade o 15 de xullo, dentro da súa xira ‘Dreamers Tour’, mentres que o espectáculo ‘Roger Waters Legacy - A Pink Floyd Show by Harry Waters Band’ recalará no recinto o 4 de decembro.
A banda británica Take That, formada actualmente por Gary Barlow, Mark Owen e Howard Donald, incluirá A Coruña entre as novas datas da súa xira, que os devolverá aos grandes escenarios europeos tras décadas de éxitos internacionais. O concerto formará parte da programación de O Gozo Fest.
As entradas para esta actuación sairán á venda o próximo 27 de novembro, ás 10.00 horas a través das plataformas habituais.
Pola súa banda, o Coliseum acollerá o 4 de decembro de 2027 o espectáculo ‘Roger Waters Legacy - A Pink Floyd Show by Harry Waters Band’, unha produción creada baixo a dirección de Roger Waters e liderada polo seu fillo, Harry Waters.
O espectáculo permitirá revivir a música de Pink Floyd coa escenografía orixinal vinculada ás producións da lendaria banda británica e repasará algúns dos seus temas máis emblemáticos, como 'Money, Another Brick in the Wall, Welcome to the Machine ou In the Flesh'.
As entradas para este concerto estarán dispoñibles a partir do 25 de novembro, ás 12.00 horas.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou que estas incorporacións reforzan a programación musical da cidade e a posición do Coliseum como un dos grandes recintos musicais do norte de España. Segundo sinalou, a chegada de artistas e espectáculos internacionais contribúe tamén á actividade económica, á atracción de visitantes e á oferta cultural da cidade.
Ambas as actuacións súmanse á programación musical prevista para 2027, que traerá á Coruña grandes nomes nacionais e internacionais ao longo do próximo ano.