Torrado pide que as listas de espera do Sergas se conten desde o primeiro día

O deputado socialista denuncia que con 378.749 persoas agardando, o peor dato da serie, o Sergas leva sen actualizar as listas desde decembro de 2025
Adrián Gallego, operación en directo ligamento cruzado, Ourense
23 Sep 2026

378.749 persoas. Julio Torrado repetiu ata tres veces esta cifra na tribuna. É o número de galegos e galegas que agardaban por unha cita hospitalaria no Sergas a 30 de decembro de 2025: case 50.000 por unha operación, 124.000 por unha proba diagnóstica e 205.000 por unha consulta.

"Non son datos inventados nin calculados por nós. Son os oficiais do Sergas", advertiu o portavoz de Sanidade do Grupo Socialista. “Tampouco son os máis recentes, e non é culpa da oposición. Os datos de xuño de 2026 seguen sen publicarse, aínda que hai obriga de facelo”, sinalou.

Torrado quixo evitar a comparación cos anos da pandemia e foi ao último ano “normal”, 2019. O Goberno galego non sae ben parado. Na lista cirúrxica pasouse de 32.750 persoas a case 50.000, un 51% máis. Nas probas diagnósticas a subida é do 46% e nas consultas, do 23%. "Estamos no peor momento da serie histórica. Nunca agardou tanta xente e nunca se agardou tanto tempo."

Quen vixía isto? Esa foi a pregunta que abriu a primeira das dúas propostas socialistas. "Alguén ten que estar avisando de que a cousa non vai ben." Para o PSdeG, ese alguén xa existe dentro do sistema: a inspección médica, o corpo con máis preparación para avaliar se as listas medran, en que servizos e por que. O problema é que hoxe apenas pode mirar para elas. O plan de inspección da Consellería dedica moito esforzo ao control das baixas laborais, pero nas listas de espera só audita as próteses de cadeira e de xeonllo: "Debe ser máis importante vixiar os traballadores que controlar que as listas de espera vaian ben", ironizou.

Os socialistas piden máis medios para a inspección, devolverlle o prestixio e darlle capacidade para fiscalizar as esperas de forma sistemática. Tamén para decidir quen pode tocar unha cita e con que critério: "O que pasa noutras comunidades, onde se alteran citas para cadrar obxectivos, tamén pasa en Galicia. Alguén ten que controlalo”.

A segunda proposta vai directa ao xeito de contar. Torrado describiu unha escena que coñece calquera galego. Unha persoa sae da consulta do especialista cunha proba pendente, pasa por admisión e escoita "xa lle chamaremos". Desde ese momento, para a estatística, non existe. "Se a chaman nove meses despois, eses nove meses non contan." Por iso o PSdeG pide que a espera se compute dende o primeiro día e que os datos se publiquen cada trimestre. "As listas de espera son mentira. Sábeo calquera persoa. É imposible que non coñezamos a alguén que está fóra dos datos”.

O deputado lembrou que o Ministerio de Sanidade anunciou onte un real decreto para que todas as comunidades contabilicen igual, dende a indicación do médico aínda que non haxa cita, e que medirá por primeira vez as esperas en atención primaria. "Lembro cando en atención primaria non había esperas. Hoxe, coa sanidade do PP, hainas." Galicia, dixo, podería adiantarse e ser pioneira. "Imos ter que facelo obrigados. Fagámolo por vontade. Dá a sensación de que vostedes teñen alerxia á transparencia, porque na escuridade móvense mellor."

Na réplica, Torrado rexeitou que as folgas contra o Estatuto Marco sirvan de explicación para todo. "Se queren, falamos de decembro de 2024, cando non había folgas polo medio." E devolveulle a pregunta ao PP: “Estanse a facer peonadas en Galicia? "Non. E non se fan porque os profesionais están en conflito coa Consellería de Sanidade pola mellora das súas condicións laborais. Hoxe esas operacións non se fan en Galicia. E é pola súa culpa."

Tampouco aceptou que o Ministerio sirva para dar por boas as cifras do Sergas. "O Ministerio nin valida nin deixa de validar as listas de espera. Publica o que lle chega."

Así, explicou que segundo as listas oficiais, ninguén agarda máis de doce meses no servizo no que el lmesmo leva esperando desde abril do ano pasado: "E podería poñer centos de casos como o meu." Logo foi un paso máis alá ao sinalar que “todo o mundo sabe que hai algún método para adiantar unha cita, sobre todo se hai unha clínica privada polo medio. Iso pasa en Galicia, e dicir que non é mentir."

Contar dende o primeiro día e poñer os inspectores a vixiar as listas incomoda, concluíu, por un motivo sinxelo: "Porque así non as poden terxiversar nin agochar". O que pide o PSdeG é pouco máis ca iso. "Queremos un sistema público que se autoavalíe e que sexa quen de dicir: temos un problema e podemos melloralo."

0.40062308311462