Transportes reúne máis dun centenar de efectivos en 2 exercicios de loita contra a contaminación

A Dirección Xeral da Mariña Mercante do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, xunto con Salvamento Marítimo e en colaboración coa Autoridade Portuaria de Vigo, promove e organiza o Exercicio Nacional de Loita contra a Contaminación Mariña-POLEX que se desenvolverá entre mañá martes, día 29 de setembro, e o día 1 de outubro na terminal de transatlánticos do Porto de Vigo e a súa contorna marítima.
Máis dun centenar de efectivos de distintas entidades estatais, autonómicas e locais participarán na preparación e desenvolvemento de 2 exercicios nos que se poñerán a proba o nivel de coordinación e eficacia dos distintos medios operativos e administrativos implicados en emerxencias marítimas e a loita contra a contaminación mariña.
O martes, día 29, a partir das 08.30 horas, e durante toda a xornada, desenvolverase un workshop formativo e informativo co total de entidades implicadas.
O mércores, día 30, a partir das 8.30 horas, realizarase un exercicio que afectará a augas portuarias e que formulará como escenario o incendio dun vehículo eléctrico nun buque de transporte de vehículos.
O xoves, día 1, a partir das 8.30 horas, realizarase un exercicio de contaminación por hidrocarburos que estenderá a emerxencia a zonas especialmente vulnerables, como o Parque Nacional das Illas Atlánticas e polígonos de bateas de acuicultura fronte a Cangas e Moaña e a costa do Morrazo, o que obrigará a activar o PIM da Autoridade Portuaria a nivel 3, o Plan CAMGAL a Emerxencia nivel medio e o Plan Marítimo Nacional en situación 2.
Ao finalizar o exercicio, celebrarase un acto de peche presidido polo secretario xeral de Transportes Aéreo e Marítimo, do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, Benito Núñez, e no que tamén intervirán, entre outros, a conselleira do Mar, Marta Villaverde Acuña; a directora xeral da Mariña Mercante, Ana Núñez; o director de Salvamento Marítimo, José Luis García Lena e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana.
O exercicio POLEX enmárcase nos programas de adestramento e exercicios que establece o Plan Marítimo Nacional. Os dous simulacros poderán contemplarse a pé de peirao ou a bordo dunha golondrina, posta a disposición no pantalán da empresa Mar de Ons.