Tres grupos de Ferrol reclaman á Xunta unha resposta inmediata ante as deficiencias do transporte público

Ferrol en Común, PSdeG-PSOE e BNG uniron as súas propostas para reclamar unha actuación inmediata ante os problemas que se están a rexistrar no transporte público interurbano da comarca. As tres formacións presentarán no Pleno municipal unha moción na que solicitan á Xunta de Galicia unha investigación sobre as incidencias do servizo e a adopción de medidas para adaptalo á demanda actual.
A iniciativa chega despois de varias semanas marcadas por queixas de usuarios relacionadas con autobuses completos, falta de prazas, atrasos, avarías e problemas de frecuencia. Nas últimas semanas tamén se produciron mobilizacións en Ferrol para reclamar melloras no transporte interurbano.
Entre as medidas propostas figura o reforzo das expedicións nas franxas de maior demanda, así como a adaptación dos horarios e servizos ás necesidades de persoas que utilizan o autobús para desprazarse ao traballo, aos centros educativos ou a citas médicas.
A moción tamén reclama á Xunta que revise o actual contrato de transporte ou, se fose necesario, que licite un contrato complementario que permita introducir as melloras que consideran necesarias para a comarca.
Un dos puntos máis destacados da proposta é a petición de suspender os pagamentos municipais correspondentes ao convenio de transporte metropolitano mentres, segundo os grupos asinantes, non se garanta un servizo en condicións adecuadas. A medida quedaría vinculada ao cumprimento das obrigas que as formacións atribúen á Administración autonómica como responsable da contratación e supervisión do servizo.
A situación do transporte interurbano xa provocou nas últimas semanas diferentes incidencias nas conexións de Ferrol con outras cidades. Entre elas figuran problemas na liña Ferrol-A Coruña, con pasaxeiros que quedaron sen poder acceder aos autobuses por falta de prazas e mesmo unha avaría que obrigou a desaloxar viaxeiros no interior da AP-9.
A proposta tamén pon o foco no transporte urbano de Ferrol. Ferrol en Común, PSdeG-PSOE e BNG piden ao Goberno local que impulse a creación dunha Empresa Municipal de Transporte e que estude servizos complementarios que permitan reforzar as conexións existentes tanto dentro do municipio como coa súa área de influencia.
Outro dos acordos formulados pide aumentar os controis da Policía Local para garantir o cumprimento das normas de circulación que afectan ao funcionamento do transporte público.
A moción será sometida á consideración do Pleno municipal, nun momento no que as deficiencias do transporte por estrada están a xerar mobilizacións e reclamacións de usuarios en diferentes puntos de Ferrolterra. A cuestión tamén chegou á Deputación da Coruña, onde unha iniciativa de PSdeG-PSOE e BNG sobre as carencias da mobilidade pública na comarca non chegou a ser debatida ao non prosperar a súa declaración de urxencia.