Tres proxectos musicais loitarán polo Premio Narf nunha gala especial dez anos despois da morte de Fran Pérez

Raposa, Sofía Espiñeira e Abril actuarán o 24 de outubro no Salón Teatro de Santiago, nunha final que contará tamén co regreso de Os Quinindiolas
DIPU CORU premio narf
26 Sep 2026

O Premio Fran Pérez 'Narf' da Deputación da Coruña xa ten finalistas para a súa XVIII edición. Raposa, Sofía Espiñeira e Abril disputarán o galardón nunha gala que se celebrará o sábado 24 de outubro, ás 20.00 horas, no Salón Teatro de Santiago de Compostela.

A cita terá un significado especial ao coincidir co décimo aniversario do falecemento de Fran Pérez, artista que dá nome ao concurso. A entrada será libre ata completar o aforo e o público poderá asistir ás actuacións dos tres proxectos finalistas, que dispoñerán de 15 minutos cada un para presentar as súas propostas ante o xurado.

O gañador recibirá un premio de 4.000 euros, mentres que o segundo clasificado obterá 2.000 euros e o terceiro, 1.500 euros. A decisión corresponderá a un xurado formado polos músicos Mercedes Peón e Ramón Bermejo, os xornalistas Javier Becerra e Ana G. Liste e a programadora Noemí Vázquez.

O regreso de Os Quinindiolas

Un dos momentos máis especiais da noite chegará durante a deliberación do xurado, cando suba ao escenario Os Quinindiolas, a banda de rock da que formou parte Fran Pérez. Xelís de Toro, Pepe Sendón e Marcos Teira reuniranse novamente para lembrar o seu antigo compañeiro e recuperar algúns dos temas máis representativos do grupo.

A formación estivo activa entre 1988 e 1992 e deixou pegada na música galega coa súa aposta pola vangarda. O seu regreso terá así un carácter de homenaxe no décimo aniversario do falecemento de Pérez.

A gala estará presentada polo xornalista Luís Pardo e contará cos efectos visuais do artista Xavier Belho.

Tres propostas diferentes

Raposa, formación pontevedresa integrada por María Villanueva e Rubén Abad, chega á final cunha proposta que combina influencias da música clásica, o jazz, as músicas do mundo, a canción protesta e o pop.

Pola súa banda, a cantora de Mugardos Sofía Espiñeira presentará o seu proxecto arredor do seu segundo disco, 'Xeografías', no que aborda cuestións como as raíces, as fronteiras, os éxodos e as viaxes.

Completa a final Abril, proxecto formado por Claudia Abril, á voz e percusións, e Marina Carpente, ao violín e voz. A formación parte de melodías tradicionais galegas e ibéricas para construír unha proposta de folk contemporáneo con sonoridades actuais.

As tres propostas foron seleccionadas entre máis de 30 candidaturas presentadas á XVIII edición do Concurso Fran Pérez 'Narf' para grupos e artistas musicais.

0.33681797981262