Un equipo da UVigo desenvolve unha ferramenta para avanzar na investigación sobre saúde mental adolescente

Un equipo investigador de atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, participou no desenvolvemento de VisIA-Q, unha base de datos que reúne información demográfica e psicométrica de 207 adolescentes de entre 12 e 17 anos. O recurso, publicado na revista científica Scientific Data, do grupo Nature, permitirá afondar no estudo da saúde mental durante a adolescencia e contribuír ao desenvolvemento de ferramentas de detección temperá de situacións de risco.
O proxecto levouse a cabo en colaboración co Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e os servizos de Psiquiatría dos hospitais de Ourense e Vigo. O seu obxectivo é facilitar a especialistas de psiquiatría, psicoloxía e outras disciplinas a análise dos factores psicolóxicos relacionados coa conduta suicida nos mozos e mozas.
A base de datos recolle información de tres grupos: adolescentes que atravesaron recentemente unha crise suicida, pacientes atendidos en Psiquiatría por outros motivos e mozos e mozas sen antecedentes coñecidos. Para avaliar a súa situación empregáronse sete probas psicométricas validadas que analizan, entre outros aspectos, a ideación suicida, os síntomas depresivos, o acoso escolar, o ciberacoso e o uso problemático de Internet.
Os investigadores de atlanTTic participaron no deseño metodolóxico, no desenvolvemento do software de recollida de información e no procesamento e anonimización dos datos. O equipo está integrado por José Manuel Ramírez Sánchez, Carmen García Mateo, Laura Docío Fernández, Manuel José Fernández Iglesias e Mario Manso Vázquez.
Un dos principais retos do proxecto foi garantir a protección da información. Para iso, deseñáronse dispositivos de recollida de datos desconectados de calquera rede e sistemas de almacenamento con dobre cifrado. Así mesmo, os 207 participantes foron anonimizados para impedir que os seus datos poidan vincularse directamente coa súa identidade.
VisIA-Q permitirá comparar diferentes perfís clínicos e estudar a relación entre factores psicolóxicos, ademais de servir como referencia para desenvolver modelos de aprendizaxe automática orientados á detección de posibles situacións de risco.
Os autores destacan que o conxunto de datos cobre unha carencia na investigación actual, xa que moitos recursos dispoñibles proceden de poboación adulta ou de información extraída das redes sociais, sen avaliacións clínicas. Neste caso, os datos proceden de probas validadas e realizadas baixo a supervisión de profesionais sanitarios.
Non obstante, o equipo advirte dalgunhas limitacións, como o tamaño da mostra, o carácter transversal do estudo e o predominio de mulleres no grupo de maior risco, onde representan o 88,37 %. Por iso, subliña que VisIA-Q é un recurso destinado á investigación e non unha ferramenta de diagnóstico nin de predición clínica.
O acceso aos datos está restrinxido a grupos de investigación, que deberán xustificar a súa finalidade e asinar un acordo que prohibe a súa redistribución ou a identificación dos participantes. De cara ao futuro, o equipo traballa no desenvolvemento e perfeccionamento de modelos de intelixencia artificial para o cribado emocional durante a adolescencia.