Un investigador da USC descobre 81 vestixios inéditos de baldaquinos medievais

Na tese de doutoramento de Daniel Pérez Murado, identifícanse once obradoiros especializados que, entre 1480 e 1600, poboaron as igrexas parroquiais de Galicia
tesis-daniel-perez-murado
24 Oct 2026

O que durante séculos pasou desapercibido como simples perpiaños reutilizados nos muros de igrexas, vivendas particulares ou cruceiros revelouse como un dos fenómenos artísticos máis organizados e descoñecidos do gótico tardío galego. A tese de doutoramento Obradoiros itinerantes, estilos e iconografía: análise do baldaquino baixomedieval en Galicia (1480-1600), defendida por Daniel Pérez Murado na Universidade de Santiago de Compostela, analizou e clasificou 89 exemplares de ciborios ou baldaquinos pétreos, entre os que se atopan 81 vestixios inéditos que non foran documentados ata o de agora.

Este traballo, dirixido pola catedrática Marta Cendón Fernández, non só amplía substancialmente o corpus coñecido destas estruturas litúrxicas, senón que tamén demostra a existencia de once obradoiros escultóricos especializados que traballaban cunha identidade propia, repertorios formais definidos e unha mobilidade que seguía as rutas comerciais do noroeste peninsular. Fronte á hipótese tradicional, que atribuía a difusión do baldaquino á influencia directa do ciborio dos Fonseca na catedral de Santiago, a investigación conclúe que un dos motores da súa expansión foi a Orde de San Xoán de Xerusalén. Nas súas encomendas de Beade, Pazos de Arenteiro e no partido de Soutolongo concéntrase o 32 % dos vestixios localizados.

Un “bel composto” que conectaba o ceo e a terra

O baldaquino ou ciborio —unha estrutura en forma de templete sostido por columnas que acubillaba o altar maior ou altares secundarios— foi un elemento fundamental na escenografía sacra de finais da Idade Media. A súa función non era meramente decorativa: sinalaba o espazo sagrado da transubstanciación, protexía reliquias e imaxes e actuaba como unha ponte simbólica entre o terreal e o divino. En palabras do autor, «o ciborio érguese como un bel composto no que se conxugan as tres artes visuais —arquitectura, escultura e pintura— para crear un microcosmos litúrxico, pedagóxico e místico dentro da igrexa rural».

A tese documenta que estes monumentos non foron encargos illados, senón o resultado dunha produción seriada e coordinada. Os obradoiros identificados —como o de Ventosa, o do Salnés, o da Terra de Montes ou o de Serantes— deixaron a súa pegada en comarcas concretas, con estilos que van desde a exuberancia vexetal do gótico flamíxero ata a volumetría naturalista do primeiro Renacemento. A investigación permitiu mesmo reconstruír programas iconográficos completos, nos que escenas como a Anunciación, a Adoración dos Reis Magos, a Piedade ou o martirio de San Sebastián se repiten con variacións propias de cada obradoiro.

O traballo de campo, realizado ao longo de máis de catro anos, permitiu, entre outros achados, descubrir quince novas pezas e esculturas pertencentes ao Ben de Interese Cultural de San Xulián de Ventosa (Agolada), coñecida como a “catedral da arte rural galega”. Algunhas estaban nunha vivenda da cidade de Lugo e outras apareceron en diversas poxas celebradas nunha coñecida casa de poxas de ámbito estatal.

Un patrimonio esquecido que recupera a súa voz

A tese salienta o paradoxo de que estes monumentos, que no seu momento foron elementos centrais da liturxia, caesen no esquecemento tras a reforma tridentina e o auxe da retablística barroca. Os arquivos diocesanos consultados —os de Santiago, Lugo e Pontevedra— apenas conteñen referencias directas aos ciborios, o que evidencia unha progresiva perda de valoración que levou á súa desmontaxe, fragmentación e reutilización como material de construción.

"A ausencia de documentación escrita non debe interpretarse como falta de importancia", sinala Pérez Murado. "Pola contra: precisamente porque eran estruturas tan integradas no espazo cotián da igrexa, non se consideraba necesario mencionalas. Foi a súa substitución polos grandes retablos barrocos o que borrou a súa memoria material e funcional".

A investigación propón unha nova ollada sobre estes vestixios, non como simples restos arqueolóxicos, senón como testemuños dun fenómeno artístico plenamente organizado, con obradoiros que traballaban en rede, compartían modelos e respondían á demanda da nobreza e do clero rural, pero tamén das ordes militares, cuxo papel na configuración da paisaxe sagrada galega fora infravalorado.

0.30309104919434