Un investigador do CIM de Vigo participa nun estudo internacional sobre o desxeo global

O investigador Gianluca Marino do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo participa nun estudo internacional publicado na revista científica Nature Communications que demostra o papel dos cambios na circulación oceánica e da calor almacenada baixo a superficie do mar no desxeo acelerado das grandes capas de xeo ao final das idades glaciares.
Marino, responsable do Paleoclimatology Lab do centro, achegou a súa experiencia en relación co estudo dos cambios climáticos e oceánicos do pasado mediante ferramentas xeoquímicas, micropaleontolóxicas e modelos estatísticos avanzados. “Comprender como respondeu o sistema climático no pasado é fundamental para anticipar os impactos futuros do cambio climático”, sinala Marino, que destaca ademais que “o almacenamento de calor no océano é un dos trazos máis importantes do quecemento global actual, xa que os océanos absorben preto do 90 % do exceso de calor xerado polas emisións humanas de gases de efecto invernadoiro”.
O novo estudo, Protracted ocean circulation slowdown drove exceptional ice-sheet melting during ice age termination IV, identifica un dobre papel desta calor acumulada. Por unha banda, cando a circulación do océano Atlántico se debilita, a calor acumúlase baixo a superficie mariña e interactúa coa base das enormes capas de xeo presentes durante os períodos glaciais. Por outra, cando a circulación se reactiva, parte desa calor libérase rapidamente cara á atmosfera nas altas latitudes, acelerando aínda máis o desxeo.
A investigación achega nova información sobre a rápida desintegración das capas de xeo durante as últimas cinco transicións entre idades glaciares e períodos cálidos, incluíndo un episodio excepcional ocorrido hai uns 340.000 anos, cando o nivel do mar chegou a aumentar ata cinco metros por século. “Grazas á construción dunha cronoloxía extremadamente precisa dos eventos climáticos do pasado, descubrimos unha estreita relación entre a duración do debilitamento da circulación atlántica e a velocidade do desxeo das capas de xeo”, explicou Marino.
“As simulacións realizadas con modelos climáticos revelaron que o principal motor deste proceso foi a acumulación de calor no océano durante os períodos de circulación reducida, axudando a explicar un dos mecanismos fundamentais das transicións entre períodos glaciais e interglaciais”, engadiu.
Innovadora técnica analítica
O traballo reúne institucións científicas de referencia de Asia, Europa e Australia e foi liderado por Hsun-Ming Hu, da Academia Chinesa de Ciencias; con Gianluca Marino, do CIM como segundo autor e principal contribuínte; e por River Shen, da Universidade Nacional de Taiwán e antigo director de tese de doutoramento de Hu.
O equipo desenvolveu unha innovadora técnica analítica capaz de datar rexistros paleoclimáticos cunha precisión sen precedentes ata hai 600.000 anos. Esta metodoloxía aplicouse a carbonatos de covas, coñecidos como espeleotemas, procedentes do noroeste de Italia, permitindo descubrir que a circulación atlántica permaneceu debilitada durante uns 12.000 anos no episodio ocorrido hai aproximadamente 340.000 anos.
Durante ese período acumuláronse no océano profundo arredor de 15 × 10²⁴ joules de enerxía. O joule é a unidade empregada en física para medir enerxía e calor e esta cifra representa unha cantidade xigantesca de calor almacenada baixo a superficie oceánica. Unha vez liberada cara á superficie e á atmosfera, esta calor contribuíu ao rápido desxeo das grandes capas de xeo continentais.