Underfest leva a Vigo os concertos do Xacobeo coa mellor música en directo

O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presentou unha nova edición do Underfest Xacobeo, que celebrará na cidade olívica os días 13, 14 e 15 de novembro cunha programación que combina artistas internacionais consolidados e novas propostas da escena musical alternativa.
O festival contará con actuacións de bandas e artistas como Ed Harcourt, Cloud Nothings, Opus Kink, Maquina, Throes + The Shine, The Monsters, Electric Six e ST. Paul & The Broken Bones. Os concertos desenvolveranse en diferentes espazos da cidade, como a Biblioteca do Real Club Náutico, as salas Kominsky, Ocean, Doppler e Masterclub, e o Teatro Afundación.
Tras oito edicións de éxito, nas que reuniu máis de 150 artistas e esgotou os abonos, o Underfest Xacobeo consolídase como unha das citas musicais máis singulares de Galicia, cun formato que aposta pola diversidade de estilos, os aforos reducidos e a proximidade entre artistas e público.
O festival conta co apoio de Turismo de Galicia, a través de Concertos do Xacobeo, unha iniciativa que impulsa Galicia como destino de referencia para a música en directo e que, ao longo de 2025, apoiou máis de 185 eventos en máis de 75 localidades galegas, con máis de 800 artistas e bandas participantes.