Unha escavación na necrópole das Xunqueiras podería destapar unha cámara funeraria

O xoves 17 de setembro, ás 12.00 h, celebrarase unha xornada de portas abertas para a cidadanía
esvacacion-xunqueiras-vigo
10 Sep 2026

A Universidade Vigo volve indagar sobre o pasado dos terreos nos que se asenta coa posta en marcha dunha nova campaña arqueolóxica na necrópole megalítica das Xunqueiras/Pedreiras, na zona alta do campus de Vigo. Tras unha primeira escavación a comezos do pasado curso centrada na mámoa 2, agora os traballos estanse a levar a cabo na mámoa 3, co obxectivo de estudar a estrutura interna do monumento e da zona na que podería localizarse a súa cámara funeraria.

Os traballos, iniciados o pasado 3 de setembro, forman parte dunha actuación desenvolvida no marco do convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia para a investigación e posta en valor do patrimonio arqueolóxico existente no campus.

A mámoa 3 é un monumento de grandes dimensións, a máis grande deste conxunto, polo que unha intervención arqueolóxica non pode abordar simultaneamente toda a súa superficie. Na presente campaña, priorizouse a actuación na zona central e da posible cámara funeraria fronte a outros sectores inicialmente considerados, como a periferia do monumento e o espazo intratumular.

A intervención dá continuidade á investigación realizada en 2011 nesta zona, que foi obxecto de traballos de prospección mediante xeorradar, unha técnica non invasiva que permitiu aproximarse ás características do subsolo sen necesidade de escavalo.

Boa parte dos traballos concéntranse nunha profunda alteración existente no centro do túmulo, identificada como cono de espolio, resultado de alteracións realizadas sobre o monumento con posterioridade á súa construción.

Segundo explica Javier Chao, director da intervención arqueolóxica, “a actuación na zona central permítenos achegarnos á posible cámara funeraria e coñecer mellor a estrutura interna do monumento. O que estamos comprobando é que o espolio foi moi intenso. Porén, polo momento non están aparecendo materiais modernos asociados a esta alteración, polo que unha das hipóteses que estamos a valorar é que poida tratarse dun episodio de espolio antigo”.

A retirada progresiva dos niveis que enchen esta zona está permitindo documentar diferentes elementos pétreos. Entre eles comeza a definirse unha pedra de dimensións considerables que podería corresponder a un dos esteos da cámara funeraria.

Entender o xacemento no seu conxunto

A investigación non se limita á arquitectura interna da mámoa, xa que a necrópole Xunqueiras/Pedreiras é un conxunto de monumentos que deben ser comprendidos dentro dunha paisaxe megalítica máis ampla.

Para Beatriz Comendador Rey, profesora da Área de Prehistoria da Universidade de Vigo e membro do equipo da intervención, «este túmulo non pode entenderse como un monumento illado. Forma parte dunha necrópole e dunha paisaxe megalítica máis ampla, cunha relación visual moi directa co Monte Galiñeiro e con outros monumentos da contorna. Interésanos coñecer como foi construído, pero tamén comprender a elección deste lugar e a relación que estes monumentos estableceron coa paisaxe».

A propia situación da necrópole, nunha zona elevada e cun amplo dominio visual, abre así preguntas que superan os límites de cada túmulo e permiten abordar cuestións relacionadas coa organización do territorio, a visibilidade e a construción das paisaxes monumentais durante a Prehistoria.

Os traballos, que se levarán a cabo ata o vindeiro día 18, combinan a escavación manual coa documentación topográfica, fotográfica e fotogramétrica, que permite rexistrar as sucesivas fases da intervención e xerar modelos tridimensionais do monumento e das estruturas que van aparecendo.

A campaña conta tamén coa participación de alumnado do Grao en Xeografía e Historia da Universidade de Vigo, que colabora nas diferentes tarefas de campo e pode coñecer de primeira man o proceso de investigación arqueolóxica, desde a escavación e o rexistro ata a documentación das estruturas.

Co obxectivo de compartir o desenvolvemento da investigación e achegar o patrimonio arqueolóxico do campus tanto á comunidade universitaria como á veciñanza e á cidadanía en xeral, o equipo celebrará unha xornada de portas abertas o vindeiro xoves 17 de setembro, ás 12.00 horas. Durante a visita explicaranse os traballos realizados nesta campaña, os primeiros resultados da intervención e as hipóteses coas que traballa actualmente o equipo. A visita permitirá tamén ampliar a mirada desde a propia escavación ao conxunto da necrópole e á súa relación coa paisaxe megalítica da contorna.

0.35757303237915