Unha nova campaña arqueolóxica en Ons estuda a ocupación castrexa e romana do Castelo dos Mouros

Os traballos, que veñen de iniciarse, estenderanse ao longo de catro semanas
traballos-illa-de-ons
20 May 2026

Promovida polo Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, un equipo de investigadores e investigadoras do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da UVigo iniciaba nestes días en Ons unha nova campaña arqueolóxica no castro do Castelo dos Mouros. As escavacións, que se desenvolverán ao longo de catro semanas, céntranse en dúas áreas que foron obxecto de sondaxes arqueolóxicas na campaña realizada o pasado ano, co propósito de obter novos datos respecto da ocupación deste enclave tanto na época castrexa como na romana.

Os traballos desenvolvidos en 2025 ano pola sección de arqueoloxía do grupo GEAAT permitiron confirmar que o Castelo dos Mouros estivo densamente poboado, tanto na época castrexa como na romana, sumando novos achados aos resultados dos diferentes traballos que o equipo investigador vén desenvolvendo neste espazo desde 2021. No seu conxunto, as diferentes campañas realizadas permitiron constatar que o Castelo dos Mouros foi un espazo habitado ao longo de nove séculos, con estratexias de poboamento diferentes, xa que, se ben os castrexos ocuparon os espazos situados no interior da muralla do castro, os asentamentos romanos concentráronse na súa parte baixa e poderían terse estendido pola ladeira que descende ata a praia do Canexol.

Esta nova campaña arqueolóxica do grupo GEAAT estenderase ao longo de catro semanas, baixo a dirección científica do profesor de Arqueoloxía Adolfo Fernández, coa investigadora Alba Rodríguez como directora da intervención e as tamén investigadoras do grupo GEAAT Patricia Valle e Nerea Ruanova como integrantes do equipo técnico. Os traballos contan tamén coa colaboración dos axentes e vixiantes da illa, así como dos traballadores da empresa Tragsa. Así mesmo, tras as escavacións levarase a cabo unha campaña de conservación e restauración, inicialmente prevista para o outono.

Financiada polo Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, esta nova campaña céntranse en dous puntos, na terraza intermedia do castro e o espazo situado fóra da muralla, ao leste do asentamento.

“A aparición de restos de estruturas levounos a propoñer un proxecto en 2026 para ampliar a zona escavada e intentar caracterizar mellor o poboamento na sondaxe da terraza intermedia, na que se localizaron dúas estruturas redondas de época castrexa”, explica Rodríguez. Nomeadamente, os traballos previos permitiron confirmar a presenza nesta parte do asentamento de dúas cabanas redondeadas da Idade de Ferro, así como de diferentes materiais do século I a.C., sen que se teñan atopado ata o de agora nesta zona nin materiais nin construcións de época romana.

De feito, as investigacións desenvolvidas sinalan que os asentamentos romanos concentrábanse tanto na parte baixa do castro como na ladeira que descende ata a praia, onde intervencións previas permitiron identificar os restos de fábricas de salgadura e peixe. A sondaxe realizada o pasado ano levou ao equipo investigador a localizar fóra da muralla “unha pequena parte dun edificio de época romana”, que fai pensar que o asentamento estendíase neste período máis aló do castro, chegando ata as fábricas da praia. Nese senso, o segundo punto desta campaña sitúase nese “espazo fóra da muralla, cara o leste”, explica Rodríguez, xa que “os datos suxiren a presenza dunha construción de época romana, teitada con tégulas”.

O obxectivo desta campaña, sinala Rodríguez “é verificar nestes puntos se houbo ou non sucesivas etapas de ocupación”, como acontece na súa terraza inferior, escavada en campañas previas, que permitiron constatar a existencia de “estruturas superpostas”. De feito, os traballos nesta área levaron a detectar tres cabanas castrexas, ás que se superpuxo unha gran estancia de época romana.

0.45088291168213