Veciñanza de Privada Moderna, en Vigo, reclama á Sareb que cumpra a sentenza e repare as vivendas

Segundo a Plataforma Galega Vivenda Xa!, a empresa estaría a actuar como un fondo voitre, recorrendo a prácticas de intimidación e presión para lograr que as familias deixen os seus fogares
protesta-vivenda-sareb-vigo
6 Nov 2026

A veciñanza da rúa Privada Moderna de Vigo reclamou este venres á Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb) que execute a sentenza xudicial e acometa as reparacións necesarias nos seus edificios. "Estamos desesperados", trasladaron durante un acto reivindicativo no que volveron denunciar a situación que padecen desde hai anos.

As persoas residentes explicaron que as súas vivendas presentan graves deficiencias que a Sareb, propietaria dos inmobles, non está a solucionar, malia que as familias continúan pagando o alugueiro todos os meses. Lembraron que existe unha sentenza firme do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que obriga a entidade a rehabilitar os 42 pisos da rúa e que rexeitou a súa pretensión de declaralos en ruínas.

Porén, tres anos despois do fallo, os traballos aínda non comezaron. Na actualidade só quedan seis familias nos edificios, mentres que as outras 36 vivendas están baleiras e tapiadas.

Segundo a Plataforma Galega Vivenda Xa!, a Sareb estaría a actuar como un fondo voitre, recorrendo a prácticas de intimidación e presión para lograr que as familias deixen os seus fogares e poder dispoñer dos inmobles. Unha situación que considera especialmente grave ao tratarse dunha entidade constituída para asumir os activos procedentes da anterior burbulla inmobiliaria.

A organización cualifica os feitos de acoso inmobiliario e asegura que a Sareb ofrece cantidades económicas que considera irrisorias a cambio de que as persoas residentes abandonen as súas casas. Engade que, cando estas rexeitan as propostas, a presión aumenta mediante a realización de obras que dificultan ou impiden o acceso ás vivendas e que, segundo denuncia, chegaron a provocar a destrución de partes dos edificios.

A plataforma lembra tamén que a Sareb tentou por distintas vías que o complexo fose declarado en ruína, unha pretensión que, segundo indica, non contou co respaldo dos informes técnicos e xurídicos. Como consecuencia, a entidade tivo que asumir as obrigas de conservación e mantemento dos inmobles, unhas responsabilidades que a organización considera que continúa incumprindo.

A situación afecta a un conxunto de edificios no que, segundo os datos achegados pola plataforma, 36 vivendas permanecen baleiras desde hai 14 anos e só seis familias continúan residindo no complexo. A entidade destaca a resistencia destas persoas fronte ás presións para abandonar os seus fogares.

Reclaman a intervención do Concello de Vigo

A Plataforma Galega Vivenda Xa! tamén dirixe as súas críticas ao Concello de Vigo, ao que atribúe unha falta de actuación efectiva para protexer as persoas residentes. Considera que a ausencia de medidas está a contribuír a prolongar o conflito e reclama que o Goberno local asuma a súa responsabilidade na defensa do dereito á vivenda.

Entre as súas demandas, a organización esixe que cese o que cualifica de acoso inmobiliario, que a Sareb cumpra coas súas obrigas de mantemento e que as administracións públicas interveñan para garantir que as familias poidan permanecer nos seus fogares con todas as garantías.

A plataforma rexeita que unha entidade rescatada con fondos públicos poida, segundo denuncia, promover a saída da veciñanza mentres mantén vivendas baleiras durante anos.

Por este motivo, anunciou a súa presenza este venres en Privada Moderna, onde levará a cabo unha acción para dar visibilidade ao conflito e amosar o seu apoio ás persoas residentes na súa reivindicación de permanecer nas súas casas.

0.39861702919006