Vigo consolídase como a cidade turística máis importante de Galicia en 2025

Abel Caballero destaca que Vigo lidera Galicia en número de visitantes segundo datos do INE medidos a través da telefonía móbil e subliña o crecemento sostido nacional e internacional
VigoCultura
19 Feb 2026

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, afirmou que a cidade se sitúa “con ampla diferenza” como a máis turística de Galicia en 2025, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) obtidos a través da análise da telefonía móbil.

Segundo explicou, “en todo 2025 Vigo é a cidade máis turística de Galicia”, consolidando unha tendencia que tamén se confirmou no mes de decembro. Nese período, a cidade rexistrou cifras de visitantes que, segundo destacou o rexedor, foron “practicamente equivalentes ás da Coruña e Santiago xuntas”.

Caballero subliñou que Vigo é xa “unha potencia turística”, cun crecemento sostido tanto no ámbito nacional como internacional. Entre os principais mercados emisores citou Portugal —que, segundo indicou, chega “de forma masiva”—, así como Francia, Alemaña, Países Baixos, Estados Unidos e outros países.

O alcalde defendeu que o posicionamento actual de Vigo como principal destino turístico galego é resultado do traballo desenvolvido polo goberno municipal. “Cando chegamos ao goberno, turisticamente nin existiamos. Hoxe somos a referencia en Galicia”, afirmou.

Neste sentido, destacou que é o Concello quen asume o esforzo inversor na promoción da cidade, apostando por un modelo que, segundo sinalou, está a xerar “miles e miles de empregos, valor engadido e unha intensa actividade económica”.

304.136 habitantes empadroados

Durante a súa comparecencia, o rexedor tamén deu conta da evolución demográfica da cidade. Vigo conta actualmente con 304.136 habitantes empadroados, o que supón case 2.000 persoas máis que ao peche do ano 2025.

“Isto quere dicir que Vigo ten un dinamismo activo de poboación que se empadrona na cidade”, concluíu Caballero.

⚙ Configurar cookies
0.30676102638245