Vigo pechou a celebración do quinto centenario de Luís de Camões cunha homenaxe ás súas raíces galegas

A Casa Galega da Cultura de Vigo acolleu este luns a xornada conmemorativa De aquí o xerme saíu. Presenzas galegas de Camões, unha iniciativa organizada pola Fundación Penzol, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e a Estrutura de Missão para as Comemorações do V Centenário do Nascimento de Luís de Camões para poñer o ramo en Galicia á celebración do quinto centenario do nacemento do gran clásico das letras portuguesas.
A programación arrancou coa inauguración dunha exposición dedicada ás ligazóns do autor d’Os Lusíadas con Galicia. A mostra reuniu fondos bibliográficos procedentes da Fundación Penzol e documentación histórica de grande valor, entre a que destacou un privilexio do século XIV que fai referencia a Vasco Pérez de Camões, tataravó do poeta, e ao seu señorío na vila de Baiona, unha das probas documentais das raíces galegas da súa liñaxe.
A sesión da tarde estivo centrada na análise da figura e da influencia de Camões na cultura galega. O catedrático da Universidade de Vigo Xosé Manuel Dasilva presentou o libro Camões en Galicia, unha obra na que recompila diversos estudos sobre a presenza do escritor portugués nas letras galegas e a súa pegada en autores como o padre Sarmiento, Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Eduardo Pondal.
A continuación, o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, ofreceu un relatorio sobre a visión dos galegos e da lingua galega no Portugal do século XVI, deténdose nos estereotipos presentes na literatura da época e na súa proxección posterior. A xornada contou tamén coa participación dos profesores portugueses Micaela Ramos, da Universidade do Minho, e José Carlos Seabra Pereira, da Universidade de Coimbra, que abordaron distintos aspectos da vixencia e da obra do autor portugués.
Un dos momentos máis destacados da celebración chegou co recital poético-musical celebrado ao serán. Académicos, escritores, investigadores e xornalistas deron voz a diversos textos de Camões nun acto que concluíu coa interpretación de “Verdes são os campos”, a coñecida versión musicada por Zeca Afonso e interpretada por César Morán.
A homenaxe rematou cunha ofrenda floral diante do busto de Camões na praza de Portugal de Vigo, na que participaron representantes das institucións organizadoras e colaboradoras, así como autoridades galegas e portuguesas.
Durante a xornada púxose de relevo tanto a dimensión universal de Luís de Camões como a importancia das súas raíces galegas e da influencia que exerceu ao longo dos séculos na literatura e na cultura de Galicia, reforzando ademais os vínculos históricos e culturais entre Galicia e Portugal.