Xabier P. Igrexas será o candidato á Alcaldía de Vigo polo BNG nas eleccións municipais de 2027

A militancia do BNG decidiu, por unanimidade, designar a Xabier P. Igrexas como candidato á Alcaldía de cara ás eleccións municipais de 2027 na súa asemblea local.
A organización nacionalista fixa como meta dar un “salto importante” na cidade que lle permita incrementar a súa representación no Concello e consolidarse como unha forza “determinante e clave” na principal cidade de Galicia.
Coa celebración desta asemblea péchase un proceso que a responsábel local do BNG, a deputada Carmela González, definiu como un exemplo de “democracia radical”, no que toda a militancia puido presentar e debater propostas. Subliñou que no Bloque as decisións se toman de forma colectiva e que o protagonismo recae sempre na militancia.
A proposta de Igrexas contaba tamén co apoio unánime do Consello Local, algo que para González evidencia “o alto nivel de cohesión e unidade interna dun BNG plural e diverso, mais fortemente articulado arredor dun proxecto ilusionante”. Engadiu que Xabier P. Igrexas conta co respaldo “firme e entusiasta” dunha organización que, segundo afirmou, “é máis Bloque ca nunca”.
Pola súa parte, Igrexas agradeceu a confianza recibida e sinalou que as eleccións municipais do próximo ano representan para o BNG “unha gran oportunidade para impulsar o proxecto de transformación positiva que encarna o nacionalismo galego na maior cidade do País”. Fronte a quen, ao seu xuízo, pretende xerar desánimo, defendeu o compromiso do Bloque co cambio “necesario e posíbel”.
O candidato puxo en valor o traballo realizado nos últimos anos como punto de partida sólido. Destacou que non parten de cero, senón dunha intensa actividade política e social que se traduce en máis de 956 iniciativas, propostas e posicionamentos desde as eleccións de 2023, cando lograron recuperar o grupo municipal e triplicar a representación.
Segundo Igrexas, este labor permitiu que o BNG liderase de facto a oposición neste mandato e demostrase que existe alternativa ao actual modelo de cidade, ao que definiu como un “parque temático” alleo ás necesidades reais da veciñanza.
Tamén destacou o crecemento continuado do apoio social ao BNG en Vigo, reflectido nos resultados electorais recentes, como o aumento do 45% dos votos nas eleccións xerais, o mellor resultado en dúas décadas nas europeas e o feito histórico de converterse na primeira forza política na cidade nas últimas eleccións galegas.
Defendeu que o Bloque é “a forza en ascenso en Vigo” e apelou á confianza das persoas que ven no proxecto nacionalista unha alternativa real. Afirmou que afrontan os comicios municipais con máxima ambición e sen límites, coa convicción de ampliar o seu apoio social.
Igrexas concluíu tendendo a man a todas as persoas que non se resignan e que consideran que Vigo pode aspirar a máis. Fronte ao que cualificou como esgotamento do actual goberno local e a falta de propostas do Partido Popular, chamou a construír “un novo Vigo” baseado no proxecto transformador do BNG.
A presentación pública da candidatura terá lugar o vindeiro luns 11 de maio nun almorzo informativo na cidade, no que estará acompañado pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e no que se exporán as liñas principais da proposta electoral.