Xunta e O'MEGA chegan a un acordo que pon fin á folga de médicos en Galicia

A Xunta e O´Mega —o sindicato médico maioritario en Galicia— alcanzaron onte á noite un acordo que pon fin á folga convocada a nivel autonómico e permite a médicos e facultativos do Servizo Galego de Saúde (Sergas) retomar a actividade concertada, popularmente coñecida como peonadas, nos hospitais públicos galegos.
Esta folga, de carácter indefinido, coincidía coa convocada a nivel estatal para reclamar do Ministerio de Sanidade a redacción dun estatuto marco propio para médicos e facultativos e tiña como principal consecuencia a negativa dos facultativos a realizar peonadas: horas extraordinarias coas que a Consellería de Sanidade paliaba a lista de espera de intervencións cirúrxicas non urxentes. Coa desconvocatoria, o paro de catro días ao mes convocado a nivel estatal é a única folga vixente en Galicia.
Máis alá dun conxunto de medidas illadas, o acordado onte supón un cambio estrutural no modelo de relacións laborais do persoal médico e facultativo do Sergas.
O acordo recolle as principais demandas do sindicato, comezando por abrir unha vía de negociación para mellorar as condicións laborais de todos os facultativos dependentes do Sergas, así como tamén dos MIR (médicos residentes) que prestan servizo en hospitais e centros de saúde dependentes da sanidade pública en Galicia.
A primeira consecuencia práctica do acordo é a aplicación inmediata da xornada ordinaria de 35 horas semanais, ademais da apertura dun proceso de negociación para aprobar no prazo de nove meses unha regulación común e homoxénea da xornada complementaria (horas extras) en cada servizo. O compromiso de ambas partes é lograr que estas horas extras sexan voluntarias no prazo de cinco anos.
O compromiso desta negociación é establecer un incremento progresivo do prezo destas horas extras de garda e equiparalas ao das horas ordinarias nun prazo de tres anos, cun incremento do 40% en 2027 e dun 30% en cada un dos exercicios de 2028 e 2029.
Estes incrementos tamén se aplicarán proporcionalmente tanto ás horas presenciais como ás localizadas, festivas ou ás consideradas de alta dedicación.
Ao mesmo tempo analizaranse os plans funcionais dos servizos co obxectivo de dimensionar adecuadamente a súa organización, de forma que sexa posíbel avanzar cara a un modelo sostíbel e viábel no que as gardas sexan de carácter voluntario nun prazo máximo de cinco anos, buscando en calquera caso garantir un descanso compensatorio suficiente para protexer a saúde do persoal médico e facultativo sen menoscabar a asistencia sanitaria á poboación.
Ademais, no prazo de seis meses abrirase unha negociación sobre a exención das gardas para maiores de 55 anos, establecendo un período transitorio voluntario para a reincorporación voluntaria.
O acordo recolle tamén o incremento do 2,5% do complemento de produtividade variable pactado en 2025 e a súa actualización a partir deste ano, incrementando ademais un 20% o 1 de xaneiro de 2027 e outro 20% o 1 de xaneiro de 2028.
A xubilación flexíbel e a avaliación dos complementos salariais que afecten a médicos e facultativos, en concordancia cos avances que se acaden a nivel nacional en materia de clasificación ou doutros aspectos para adecuar o salario de médicos e facultativos á contorna da OCDE, son outros dos puntos incluídos no acordo alcanzado anoche entre responsábeis do Sergas e de O´Mega, que tamén contempla a constitución dun grupo de traballo para reordenar a actividade asistencial estrutural realizada en xornada de tarde, coñecida como actividade autoconcertada ou peonadas.
O persoal MIR tamén se beneficiará do acordo alcanzado entre a Xunta e O´Mega, porque o acordo inclúe o compromiso da Xunta de aboar aos médicos residentes un complemento retributivo de 75 euros mensuais a partir do 1 de xaneiro de 2027, que será de 100 euros a partir de 2028 e de 120 euros a partir de 2029. Este complemento de residencia terá carácter estrutural e lineal, co obxectivo de mellorar a competitividade e a capacidade de captación e fidelización de profesionais médicos para a Comunidade Autónoma de Galicia.
Ademais, os MIR verán a partir do próximo 1 de xuño remunerada a quinta garda e as sucesivas realizadas no mesmo mes e analizarase a aplicación ao persoal residente en formación das melloras que afecten ao persoal médico facultativo.
O sindicato maioritario entre os médicos e facultativos galegos congratúlase por un acordo que beneficiará á práctica totalidade dos profesionais do Sergas e valora a capacidade de diálogo demostrada para poñer fin a un conflito do que médicos e usuarios da sanidade pública galega eran os principais prexudicados.
O´Mega apela agora ao Ministerio de Sanidade para que afronte coa mesma capacidade de diálogo o conflito derivado da súa negativa a aceptar a redacción dun estatuto marco propio para médicos e facultativos de toda España e faga posíbel poñer fin ao único conflito que aínda permanece aberto na sanidade pública española.