Xa están á venda as entradas para a cea do Festival das Minas
A Asociación Cultural e Deportiva As Minas da Pontenova vén de informar de que xa están á venda as entradas para a cea do Festival das Minas.
O devantido festival celebrarase o día 11 de decembro e as entradas da cea pódense mercar en Rony Bar, San Briz Hotel Restaurante, Bar Puente e na casa da cultura.
O menú contará con calamares, empanada, churrasco, tarta de Santiago, pan, viño, auga e café. Ademais a festa contará con actuacións musicais de La Movida, dun DJ local e da asociación Eco das Minas.
O programa do festival dará comezo ás 11.00 horas coa apertura e visita da mina Consuelo para espeleólogos federados, para o que hai prazas limitadas. Xa pola noite ás 21.00 horas será a gran churrascada popular e acto seguido será a quenda da música e os espectáculos.
En todo momento contarán con medidas covid e aforo limitado para facer totalmente seguro o festival. Para máis información ou anotarse nos distintos eventos haberá que contactar coa organización mediante as súas redes sociais.