Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Reivindican o reforzo do sistema sanitario na Mariña

Por 23 Febreiro, 2021Sin comentarios

Membros do BNG comarcal diante da entrada do hospital da Costa

O deputado mariñao Daniel Castro, acompañado de cargos institucionais da comarca avanzou as alternativas do BNG diante da proposta de modificación  da lei 8/2008 de 10 de xullo, de Saúde de Galicia, presentada polo PP. Castro recordou que “o PP volve a lexislar sen diálogo, con oscurantismo e opacidade, unha lei que cambia os dereitos sanitarios e provoca unha merma dos mesmos”.

REFORZO

O BNG a través de emendas a esta lei que vai este martes 23 ao Parlamento, propuxo reforzar o sistema sanitario revertendo os recortes dos últimos anos que manteñen aínda hoxe a Atención Primaria cun orzamento inferior ao de 2009, contratando máis persoal necesario, “rematando coa precariedade e poñendo mais mais medios a disposición dos profesionais e usuarios”. Daniel Castro recordou que a Atención Primaria está sendo “especialmente castigada nesta pandemia, cando é a porta de entrada dos pacientes covid, unha causa mais  pola que o seu orzamento tén que ser reforzado na comarca da Mariña e en todo o país como xa ten demandado moitas veces o BNG”.

RECUPERACIÓN

Mario Pillado e Montse Porteiro, que interviron tamén na rolda de prensa,  incidiron ao igual que Castro na necesidade de recuperar a Área Sanitaria da Mariña, suprimida polo PP e recuperar os servizos perdidos a raíz desa supresión que foi o último gran ataque do Partido Popular á sanidade pública na comarca. O portavoz municipal do BNG en Burela advertíu das carencias no eido sanitario a nivel local, en servizos coma o de pediatría con problemas de persoal, o de fisioterapia, que non existe no centro de saúde burelao, ou a reducción de consultas en horario de tarde no Centro de Saúde. Referíuse tamén Pillado á situacion que vive a vila que estando xa no cuarto peche perimetral aínda seguen agardando polo cribado masivo que solicitaron hai unhas semanas dada a situación especial de Burela, “cun hospital e un porto que teñen unha mobilidade difícil de controlar”.

Montse Porteiro fixo referencia a varios dos servizos que se están vendo mermados coma o de cardioloxía, agora mesmo con cun só cardiólogo para 70.000 habitantes, “servizo que xa era precario tamén cando eran tres cardiólogos, e dándose casos de agardar un ano para a realización dunha proba de esforzo. E aludíu tamén ao feito de dispoñer dunha soa médica rehabilitadora para a comarca ou un só reumatólogo ou da necesidade de dispoñer dun radiólogo máis.”

INVESTIGACIÓN

O BNG aposta por un sistema sanitario forte con condicións  laborais dignas co que ser quen de dar mellores respostas non só á pandemia senón aos problemas de saúde da poboación mais aló do covid-19, “porque a xente desgrazadamente segue tendo cancro, problemas de corazón e enfermidades de todo tipo e estamos vendo como se retrasan diagnoses e tratamento por falta de recursos” afirmou Castro, que apuntou tamén que según datos dos profesionais, no conxunto de Galiza se fixeron 600.000 consultas menos, 3.000 operacións menos, e 20.000 probas diagnósticas menos.