Skip to main content
Lugo

Polémica no Concello de Lugo a conta das sombrillas do CEI-Nodus

Por 20 Febreiro, 2021Febreiro 21st, 2021Sin comentarios

Nada facía sospeitar no Concello de Lugo que as sombrillas que tiñan previsto adquirir para a zona axardinada do CEI-Nodus ían a dar para tanto. Consignouse unha partida para ese fin, pero o material non está na ubicación prevista. De feito, nunca se chegou a mercar. E, nese punto, desatouse a polémica…

O Partido Popular pedía, o xoves en rolda de prensa, explicacións ao goberno local sobre o paradoiro dese mobiliario xa que as facturas, din, figuran na listaxe de contratos menores asinados polo Concello lucense o ano pasado. Ao remate da comparecencia dos populares irrumpía en escea, e por sorpresa, o concelleiro de Desenvolvemento Local, Mauricio Repetto, quen negaba ao voceiro dos populares, Ramón Carballo, e aseguraba que eses fondos se destinaron finalmente a outros fins dado que “as prioridades cambiaron” por mor da situación sanitaria.

Área axardinada do centro empresarial

Fontes do goberno local confirman que, efectivamente, había unha partida de preto de 6.400 euros consignada para a adquisición das sombrillas con cargo ao capítulo 6 dos orzamentos municipais, o dos Investimentos Reais, pero que finalmente se desconsignou e “mediante unha operación reglada e legal” se empregaron os fondos para outros fins. Uns 4.000 euros destinaríanse á campaña para promover as compras no comercio local durante o Nadal, e os 2.000 euros restantes -“cumprindo a esixencia de volver a adicalos a investimentos”- destináronse a mercar equipamento informático e equipos de control para os bombeiros.

ACUSACIÓNS DE FALSIDADE DOCUMENTAL

Así as cousas, o PP acusa agora ao goberno local de “falsidade de documento público” e de facer desvíos de partidas “que logo non reflicten na listaxe de contratos menores que teñen que publicar no portal de transparencia”. Por iso, solicitarán ao interventor e o secretario un informe para determinar “se os datos que se publican no Portal de Transparencia se corresponden coa realidade”.

Para os populares, é de “extrema gravidade o que está sucedendo” en Lugo e sospeitan que “podería haber outras partidas na mesma situación”. O PP lembra como a lei de contratos recolle a obriga de publicar todas as modificacións que se fagan, engadindo que “todo apunta a que colgaron no portal de transparencia unha listaxe para sair ao paso, logo de que a Valedora do Pobo os obrigase a dar este paso”.

O GOBERNO LOCAL DEFÉNDESE

O goberno local saíu en resposta destas acusacións, asegurando que toda actividade contractual do Concello de Lugo “recibe cumprida supervisión e fiscalización polos órganos competentes” tanto da Tesoureiría como da Intervención. Deste xeito, din, todas as operacións de consignacións ou desconsignacións de determinadas partidas, así como todas as licitacións públicas, “lévanse a cabo baixo criterios técnicos contando con absolutamente todas as garantías e baixo a máis estrita legalidade”.

De ter algunha sospeita de que algún procedemento non respecta isto, “quen así o detecte ten a obriga de poñelo en coñecemento do xulgado” para que se proceda á súa investigación.