Skip to main content
Sarria

A RAG publica un relato do pai de Xelas Arias, escrito para un especial do San Xoán de Sarria

Por 21 Febreiro, 2021Febreiro 24th, 2021Sin comentarios

A Real Academia Galega (RAG) celebra este domingo o Día da Lingua Materna coa publicación do relato ‘Xeliña fala galego’, escrito polo mestre e tradutor Valentín Arias en boca da súa filla, a poeta Xela Arias, á que se lle dedica as Letras Galegas de 2021. Este texto, publicado en 1968 nun especial das festas do San Xoán en Sarria, está dispoñible na web ‘academia. gal’ e conta a experiencia de Xela Arias como unha nena de sete anos criada en galego.

O relato publícase xunto a un artigo do presidente da institución, Víctor F. Freixanes, para reivindicar a transmisión xeracional do idioma como “unha riqueza” para “celebrar”, á vez que lembra que o galego é “unha porta ao multilingüismo”. Precisamente, sobre isto mesmo poñen o acento tanto a Unesco, para celebrar o Día da Lingua Materna do 2021, como a historia que Valentín Arias lle dedicou á súa filla.

O texto sobre a nena Xela Arias que hoxe publica a RAG

Neste contexto, o presidente da RAG explica no seu artigo, titulado ‘ Lingua dá memoria’, que a proposta da Unesco “ten este ano un obxectivo moi concreto: fomentar o multilingüismo para a inclusión na educación e na sociedade”. Ademais, Freixanes fai fincapé en que o relato de Valentín Arias ‘ Xeliña fala galego’ “é moi significativo respecto diso”, porque fala de ” multilingüismo sen renunciar ás raíces, profundando nelas, para construír unha sociedade sen complexos”.

O pai de Xela Arias publicou en 1968, nun especial das festas de San Xoán, en Sarria, este relato do que a súa filla é a protagonista: unha pequena de sete anos que, aínda que xa aprendeu castelán, ten ao galego como lingua materna por decisión dos seus proxenitores.

Freixanes reflexiona no seu artigo sobre o valor afectivo da lingua materna, que é “a primeira da memoria”, e subliña a importancia de garantir a transmisión xeracional do idioma propio de Galicia: “Unha riqueza que debemos potenciar, celebrar e asegurar, pois non é incompatible con outras experiencias”. Con todo, o presidente da RAG tamén aproveita a celebración do Día da Lingua Materna para defender o valor daquelas persoas que non se criaron en galego pero que deciden dar o paso anos máis tarde, xa que os neofalantes “son moi importantes” para “a recuperación e o uso social” do idioma.