Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Desarticulan unha rede de tráfico de drogas na Mariña

Por 1 Marzo, 2021Marzo 21st, 2021Sin comentarios

A Garda Civil, no marco da operación thorir contra o tráfico de estupefacientes, desarticulou unha rede de tráfico de drogas, integrada na súa maioría por cidadáns residentes na Mariña lucense.

A operación iniciouse tras ter coñecemento que servizos de prostitución na zona poderían estar vinculados ao consumo de estupefacientes e ao tráfico ilícito destas drogas.

As investigacións deron comezo ao detectarse movementos de persoas vinculadas á distribución de drogas durante o confinamento da covid-19, nos que se detectou que se saltaban as ordes de confinamento sen razóns nin causas xustificativas, intensificando a súa actividade ilícita no momento da desescalada, ata tal punto que se fornecían de provincias como Guipuzcoa, de onde procedía a partida máis cuantiosa, que precipitou a explotación da operación.

Tras varios meses de investigación, logrouse identificar aos principais integrantes da rede que foron finalmente detidos e privados dos beneficios do tráfico ilícito.

Así, coordinados co Xulgado de Instrución 2 de Mondoñedo, concretouse a primeira detención, un veciño de Eibar (Guipuzcoa) de 41 anos de idade, quen se dirixía á Mariña Lucense, con seis quilogramos de hachis perfectamente ocultos na roda de reposto do turismo no que viaxa con tres das súas fillas menores, a fin de ocultar a natureza ilícita da viaxe ante un posible control covid.

Para detectar e acceder ao estupefaciente foi necesario un exhaustivo rexistro do vehículo, no que participou o Servizo Cinológico da Garda Civil.

A persoa detida contaba coa colaboración dos presuntos destinatarios, os cales varrían a zona ao obxecto de detectar presenza policial nas entradas ás localidades da Mariña, indicando os mellores días para acceder á comunidade autónoma e descartando nos que se sucederon controis na autovía A-8.

Na fase de explotación procedeuse á detención dun veciño de Foz, de 36 anos de idade, presunto destinatario para a distribución do estupefaciente intervido e quen se encargaba das contra-vixilancias policiais.

Tras estas detencións realizouse un rexistro na vivenda deste último na que se atopou máis substancias das mesmas características aprehendidas na actuación inicial e diñeiro presuntamente procedente do enriquecemento ilícito.

Nunha segunda fase procedeuse á detención de dous veciños de Foz, de 40 e de 42 anos, e un veciño de Barreiros de 43 anos. No caso destes dous últimos fóronlles intervidos cocaína e haxix, dispostos para a venda, achados tanto no momento da súa detención como nos dous rexistros levados a cabo nas localidades de Foz e Barreiros.

Precisamente un dos domicilios de Foz era compartido por estas dúas persoas como lugar de seguridade, achándose no rocho o lugar para a pesada, corte e distribución en dose.

Na fase final da operación procedeuse a imputar en calidade de investigado a un veciño La Caridad (Asturias), de 33 anos de idade, por participar presuntamente nun delito de coaccións, ao compartir cos outros acusados un episodio para recuperar diñeiro procedente do tráfico de drogas e servizos de prostitución.

Tras ser postos a disposición xudicial decretouse o ingreso en prisión de catro dos investigados, dando por finalizada esta operación contra o tráfico de drogas na Mariña Lucense.