Skip to main content
Lugo

Este mércores abre o prazo para optar a outros 95 hortos ecolóxicos do Paseo do Rato

Por 30 Marzo, 2021Outubro 31st, 2021Sin comentarios

Entrega de material para os hortos urbanos no Paseo do Rato

A Deputación de Lugo abrirá mañá mércores, 31 de marzo, o prazo para que as persoas interesadas en acceder a algún dos 95 hortos urbanos libres do Paseo do Río Rato formulen a súa solicitude. Así o recolle o Boletín Oficial da Provincia (BOP) deste martes, onde se especifica toda a documentación necesaria que se debe presentar para formalizar a inscrición no proceso.

O prazo para a presentación de solicitudes é de 10 días hábiles a contar dende mañá. Esta é a segunda quenda de asignacións, na que a institución provincial adxudicará as 95 parcelas restantes do Paseo do Rato a todas aquelas persoas e entidades que non foran usuarios con anterioridade dalgún dos hortos urbanos. Durante a primeira fase do proceso de asignación repartíronse mediante sorteo público 55 parcelas a persoas e entidades que xa foran usuarias con anterioridade. Esta adxudicación non ten custe algún para quen consiga a autorización para usar os hortos e ten unha duración de dous anos.

A selección farase a través dun proceso de concorrencia competitiva no que primarán criterios sociais, como estar en situación de desemprego, ser representante dun centro educativo ou traballar para un colectivo social, entre outros. Os usuarios e usuarias deben ser persoas físicas ou representantes de asociacións e ser veciños e veciñas do concello de Lugo ou dalgún municipio limítrofe.

PROGRAMA FORMATIVO

A Deputación de Lugo pon estes terreos públicos ao servizo da cidadanía para o seu uso, cunha actividade de lecer que fomenta o interese pola agricultura ecolóxica, a concienciación no coidado do medio ambiente e, ao mesmo tempo, permiten realizar actividades ao aire libre e en familia.

Para contribuír a estes obxectivos, a institución provincial ofrece un servizo de dinamización dos hortos urbanos, que asesorará aos usuarios e usuarias en temas relacionados coa horticultura ecolóxica e a xestión de recursos, materiais e maquinaria que a Deputación de Lugo poida poñer á súa disposición para o cultivo dos terreos. Para este fin, licitou un contrato do que resultou adxudicataria Agrotecnia SL, por un importe de preto de 175.000 euros e unha duración de dous anos, segundo o que a empresa terá que xestionar e organizar o día a día nos terreos e deberá elaborar un programa formativo interno, no que se recollan guías de boas prácticas, información, charlas e seminarios, e tamén externo, abrindo as actividades a persoas alleas aos hortos.

En canto aos 25 hortos urbanos de Paradai, o procedemento para a adxudicación será diferente porque os terreos eran propiedade da extinguida Suplusa. Estas parcelas, ao igual que as do Paseo do Río Rato, foron remodeladas integralmente pola Deputación, que creou terreos uniformes de 30 metros cadrados. Estas melloras contaron cun  investimento da institución provincial de preto de 80.000 euros.