Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

‘Aquela nena de Sarria’ inicia o percorrido polos centros de ensino do municipio

Por 10 Marzo, 2021Sin comentarios

Un dos actos cos que o Concello de Sarria conmemorou o Día Internacional da Muller foi a inauguración da exposición ‘Aquela nena de Sarria’, dedicada á poeta do municipio Xela Arias, á que este ano se lembra no Día das Letras Galegas.

Despois de permanecer estes días na Casa da Cultura, a mostra inicia agora o seu periplo polos centros de ensino do municipio, co fin de que “todos os nosos estudantes poidan achegarse á vida e obra e, sobre todo, á nenez, desta sarriá”, indican desde o Concello.

Así, a exposición atópase xa no IES Xograr Afonso Gómez, onde se poderá ver ata  mañá, xoves día 11. A partir de aí, e ata finais de mes, levarase ao Colexio da Merce, CP Frei Luis de Granada, EEI de Sarria, CP Antonio Fernández López e CP Señora da Asunción.

Desde o Concello de Sarria lembran que todas as persoas interesadas poden facer tamén unha visita virtual á mostra desde o enlace Aquela nena de Sarria – O Portal da Lingua Galega.

FOTOGRAFÍAS FAMILIARES

A exposición ‘Aquela nena de Sarria’, composta por doce paneis, reflicte a época sarriana e lucense de Xela Arias, a súa querenza por Sarria e o rural, o seu vencello coa lingua galega e o empeño en que se recoñecese Xela como o seu nome real.

A exposición complétase con fotografías aportadas pola familia da poeta e por unha serie de debuxos da pintora Sabela Arias. Ademais inclúe poemas de alumnos dos institutos Xograr Afonso e Gregorio Fernández de Sarria, así como de compañeiros poetas do municipio e do resto de Galicia.

O colectivo Egeria organiza esta exposición itinerante, coa colaboración do Concello de Sarria, a Consellería de Cultura e a Real Academia Galega. A recompilación, que este mes se pode ver nos centros de ensino de Sarria, iniciará despois do Día das Letras Galegas un percorrido por outros concellos.