Skip to main content
Sarria

O PSOE pedirá explicacións no Parlamento sobre os trámites do proxecto da Ponte Ribeira

Por 20 Marzo, 2021Sin comentarios

O PSOE pedirá explicacións no Parlamento para coñecer cales son as razóns polas que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural “tardase máis dun ano” en remitir ao Concello de Sarria o informe sobre o proxecto para a construción da pasarela metálica provisional na Ponte Ribeira.

Os socialistas lembran que o trazado orixinal do Camiño de Santiago ao seu paso por Sarria “leva seis anos interrompido pola paralización en 2014 das obras da Ponte Ribeira, provocando evidentes prexuízos xa non só para os camiñantes senón para os propios habitantes da vila”.

O Concello de Sarria presentaba en decembro de 2019 o proxecto para a construción dunha pasarela metálica provisional no viaducto. Para levalo a cabo, e  conforme á legalidade esixida, solicitaba en xaneiro de 2020 o informe/autorización pertinente á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, en febreiro á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), e en novembro á Deputación de Lugo.

Tanto a Deputación como a Confederación Hidrográfica emitían informes favorables á obra, non sendo así no caso da Dirección Xeral de Patrimonio, que non se pronunciou ao respecto ata un ano máis tarde -o día primeiro de marzo de 2021- cun informe desfavorable.

Segundo consta nesa resolución da Dirección Xeral de Patrimonio, e a pesar do seu silencio, lembran os socialistas, si existiron informes dese departamento autonómico: un de febreiro de 2020 favorable ao proxecto por parte do servizo de arqueoloxía e outro desfavorable de días despois do servizo de arquitectura. O mesmo expediente fai seu outro informe do Consello Asesor dos Camiños de Santiago que “nunca chega” ao Concello de Sarria.

Na iniciativa do PSOE sinálase que “consonte á legalidade, e ante o silencio da citada Dirección Xeral diante das solicitudes de diversas administracións, a Xunta de Goberno do Concello de Sarria acorda en decembro de 2020 continuar co proxecto da pasarela provisional, unha decisión que comunica ao Goberno autonómico sen ter recibido pronunciamento ao respecto. Curiosamente é a partir desa comunicación á Xunta de Galicia cando a Dirección Xeral, en cuestión de poucos días, lle remite ao Concello de Sarria un informe desfavorable sobre a base do ditame que o Consello Asesor dos Camiños de Santiago adopta nunha xuntanza celebrada dende hai máis dun ano”, advirten.

Por todo isto os socialistas queren coñecer, “por que non se lle remitiu o informe solicitado sobre ese proxecto á CHMS, e por que non se lle comunicou ao Concello de Sarria o ditame respecto da citada obra do Consello Asesor dos Camiños de Santiago”.