Skip to main content
Sarria

Sarria adaptará os seus pasos de peóns ás persoas con autismo

Por 29 Marzo, 2021Abril 3rd, 2021Sin comentarios

Os primeiros pasos de peóns adaptados estarán na rúa Xela Arias

A rúa Xela Arias de Sarria, antes chamada rúa José Antonio, é a elixida polo Concello para estrear ao longo do mes de abril unha nova sinalización nos pasos de peóns, co fin de adaptalos ás persoas con Trastorno do Espectro de Autismo (TEA). Para elo, o Concello vén de asinar un convenio coa Asociación Teavial, que busca mellorar a autonomía e seguridade viaria das persoas con este trastorno.

A nova sinalización suporá a colocación dunha secuencia de pictogramas ordenados de xeito lóxico sobre a primeira franxa branca dos pasos de peóns.  Estes pictogramas facilitan ás persoas autistas a comprensión sobre as normas que deben seguir antes de cruzar. Trátase dunha secuencia na que predomina a cor azul e na que se establece de forma sinxela a necesidade de parar, mirar e agardar a que o coche se deteña antes de cruzar.

Con esta iniciativa búscase favorecer a comprensión das persoas con TEA, mellorando así a súa autonomía e ofrecéndolles un plus de seguridade. Ademais, estes pictogramas cumpren outra misión importante, como é crear cidades máis accesibles para todos, concienciando e empatizando sobre a diversidade.

O Concello de Sarria iniciará o pintado destes novos pictogramas na rúa Xela Arias ao longo do mes de abril, co obxectivo de ilos instalando nos pasos de peóns de toda a localidade.