Skip to main content
Triacastela

Triacastela asina un convenio para mellorar a avenida Camilo José Cela

Por 7 Marzo, 2021Sin comentarios

A alcaldesa de Triacastela e a conselleira de Medio Ambiente asinaron o convenio

O Concello de Triacastela vén de formalizar un convenio de colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que permitirá mellorar varias rúas do municipio. En concreto, os traballos consistirán no acondicionamento e mellora da marxe dereita da Avenida Camilo José Cela e o Ramal 1.

Tal e como se recolle no texto do convenio, que este sábado asinaban a alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, e maila conselleira Ángeles Vázquez, a actuación implica un orzamento de case 50.000 euros, dos que a Xunta achegará un 70% e o Concello o 30% restante.

Unha vez asinado este convenio, a Consellería xa pode licitar as obras e o Concello, pola súa banda, ten que comprometerse a poñer a disposición os terreos, libres de cargas e gravames. Outra das obrigas que asume a administración local é conservar as mesmas, unha vez as reciba.

A actuación prevista en Triacastela é un dos proxectos que se leva a cabo ao abeiro do Plan Hurbe, posto en marcha polo Goberno galego en 2010, co obxectivo de apoiar ás entidades locais en accións que contribúan a humanizar e incrementar os seus espazos de uso público, promovendo á vez o reequilibrio territorial. Ao mesmo tempo preténdese favorecer a posta en valor das vilas galegas e dos núcleos rurais, a través da colaboración económica coas entidades locais na execución de actuacións orientadas a frear o despoboamento, potenciar infraestruturas, servizos e equipamentos públicos.