Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

Os ríos Miño e Sil, protagonistas das fotografías gañadoras do Concurso do Camiño de Inverno

Por 4 Abril, 2021Abril 5th, 2021Sin comentarios

O IV Concurso fotográfico do Camiño de Inverno, organizado pola Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, xa ten gañadores. Baixo o título ‘Os ríos dos Camiños de Inverno’, os organizadores pretendían nesta ocasión “poñer en valor o feito de que esta ruta xacobea atravesa por numerosos ríos ao longo dos seus máis de 250 quilómetros, sendo a única ruta xacobea galega que o peregrino chega a cruzar ou seguir paralelamente polos dous ríos máis importantes de Galicia: o Miño e o Sil”. Se ben a ruta traspasa moitos máis ríos, como o Galir, Soldón, Quiroga, Lor, Rubín, Cabe, Asma, Arnego, Deza ou Ulla, os gañadores do certame centraron as súas fotografías nos dous ríos principais.

Así, o primeiro premio foi para Manuel Juan Otero López, de O Barco de Valdeorras, coa fotografía ‘Túnel de Montefurado’; en segundo lugar posicionouse Germán López Quiroga, de Monforte, pola obra ‘Belesar espello do Camiño de Inverno poa Ribeira Sacra’; e a terceira posición foi para Luis Prada Ferrer, de Veigamuíños no Barco de Valdeorras, coa fotografía ‘Meandro no río Sil por O Barco de Valdeorras’.

As fotografías merecedoras do primeiro e terceiro premio salientan, segundo os organizadores, o máis significativo do río Sil. A primeira, céntrase “na grande obra que os romanos fixeron no século II na montaña para desviar o curso do río que nesa zona describía un grande meandro e así poder extraer o ouro” mentras que a terceira fotografía amosa “unha bonita estampa do meandro que o Sil describe ao seu paso polo Barco de Valdeorras, ofrecendo unha espectacular panorámica da vila”.

A fotografía gañadora retrata o túnel de Montefurado

O río Miño, pola súa banda, é o protagonista da fotografía que recibiu o segundo premio ofrecendo unha imaxe de Belesar na que “o pintoresco pobo e río aparecen enmarcados polo cálido corido otoñal dos viñedos que colgan de ámbalas dúas marxes do río Miño”.

A entrega de premios farase proximamente, en datas aínda por determinar, e consistirán en 250 euros, 150 euros e 100 euros. Ademais, o primeiro posicionado contará cunha ampliación da fotografía gañadora en tamaño 50×70.

ACCESITS

O xurado do IV Concurso fotográfico do Camiño de Inverno quixo conceder tamén dous accesits, que foron para o monfortino Antonio Cortiñas Cortiñas pola foto ‘Río Miño, meandro Cabo do Mundo’, que ofrece “unha diferente e belísima mirada, coa súa posta de sol, deste meandro do Miño”, e para María Teresa Hernández Merino, de Salamanca,  que tamén centrou a súa fotografía no río Miño, pero neste caso sobre unha “especial visión” de Belesar.

A Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra felicita aos gañadores e agradece a participación de tódolos concursantes.