Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Viveiro aproba o convenio para realizar a Abau no municipio

Por 7 Maio, 2021Sin comentarios

O Concello de Viveiro informou da aprobación da sinatura do convenio coa Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) para a celebración en Viveiro da proba de Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU). 

Este convenio implica as convocatorias ordinaria, en xuño, e extraordinaria, en xullo, para o alumnado de Bacharelato que cursan os seus estudos nos seguintes centros: IES de Ortigueira, de Ortigueira; IES Dionisio Gamallo Fierros, de Ribadeo; IES de Foz, de Foz; IES Monte Castelo, de Burela; IES Porta da Auga, de Ribadeo; IES Marqués de Sargadelos, de San Cibrao; IES Perdouro, de Burela; e os IES Vilar Ponte e IES María Sarmiento, de Viveiro. A celebración desta proba no termo municipal de Viveiro implica un custe de 12.640,15 euros. 

Respecto das probas ABAU xa celebradas, en xuño de 2020 na Comisión delegada número 14 en Viveiro, examináronse 298 alumnos e alumnas na convocatoria ordinaria. O alumnado procedía dun total de 9 institutos de ensinanza secundaria, pertencentes aos concellos de Ribadeo, Foz, Burela, Cervo, Mondoñedo e Viveiro.

Nesa convocatoria, por mor da pandemia provocada polo COVID-19 e debido as restricións perimetrais, incluíuse o IES Plurilingüe San Rosendo do concello de Mondoñedo, en detrimento do IES de Ortigueira, que as realizou en Ferrol.

Respecto á convocatoria extraordinaria de 2020, presentáronse un total de 27 estudantes pertencentes os institutos dos Concellos citados anteriormente, agás Mondoñedo que acudiu a Lugo, incluíndo de novo ao alumnado do Instituto de Ortigueira.

Respecto ao estado dos pagos por parte dos concellos pola realización destas probas en Viveiro, e respondendo á pregunta efectuada na Comisión de Desenvolvemento Local do pasado xoves 29 de abril, o Concello de Viveiro detalla a continuación o estado dos pagamentos.  

O pasado 23 de decembro, o Concello de Viveiro enviou a todos os concellos a correspondente liquidación en base aos alumnos/as e períodos, tanto do ano 2020 como os que tiñan pendentes cantidades de pago de anos anteriores.

Deste modo, os Concellos de Cervo, Burela e Foz están ao día nos seus ingresos, así como Viveiro, concello que anticipa o pago total. O Concello de Cervo aboou a cantidade das probas do ano 2020 o 29 de decembro de 2020 e o Concello de Burela, o día 30 de marzo de 2021.O Concello de Foz púxose o día aboando a cantidade atrasada de 18.772,24 euros o día 29 de xullo de 2020 e o correspondente ao ano 2020, o 24 de decembro de 2020. 

Por parte do Concello de Ribadeo, está pendente de pago a cantidade de 20.412,74 euros, dende o ano 2.011 ata o ano 2.020 inclusive.

Por parte do Concello de Ortigueira a cantidade pendente de pago ascende a 10.888,34 euros, nos periodos comprendidos entre os anos 2008-2010 e 2011 a 2020. Tamén está pendente de abono o Concello de Mondoñedo, que segundo foi informado o Concello de Viveiro, realizará dito ingreso en breve, dunha cantidade de 622,28 euros. 

Dende o Concello de Viveiro insisten en que en diversas ocasións mantiveron conversas cos citados concellos, co obxecto de regularizar ditos pagos, mais sen que se fixeran efectivos.