Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Os Bonos Impulso terán un retorno económico na Mariña de máis de 332.000 euros

Por 14 Maio, 2021Sin comentarios

Os Bonos Impulso da Deputación xerarán na comarca da Mariña un volume de negocio mínimo de 332.000€. Repartiranse preto de 3.700 bonos nominativos por importe de 30€ nos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Riotorto, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, que xerarán un efecto multiplicador importante porque para usalos haberá que consumir un mínimo de 60€. O investimento da institución provincial nestes municipios será de máis de 110.000€, unha inxección económica moi relevante en termos de consumo porque segundo os estudos económicos dos técnicos o impacto económico de cada euro investido multiplicarase por tres. 

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, o alcalde de Foz, Francisco Cajoto, o presidente da Confederación de Empresarios de Lugo, Jaime López, e o presidente da Federación de Comercio da Mariña, José Carlos Paleo, visitou esta tarde varios establecementos do concello focense adheridos á campaña de descontos da Deputación.

“Unha gran parte dos autónomos e das pequenas empresas atravesan momentos difíciles, sabémolo, por iso queremos axudar á súa recuperación con esta importante medida”, explicou o Presidente. “Os Bonos Impulso da Deputación son un incentivo para apoiar ás empresas e ás familias, promoven a actividade nas tendas de barrio e nos negocios de sempre, e axudan á concienciación da relevancia social que teñen no noso día a día”, incidiu Tomé Roca. 

Este mércores xa hai 432 establecementos inscritos en toda a provincia para participar nos Bonos Impulso e na páxina web da institución provincial está habilitado un espazo no que, ata o 25 de maio, os propietarios de locais interesados en participar poderán adherirse cumprimentando un formulario sinxelo. Poden anotarse todos os negocios da provincia, incluídos os locais de hospedaxe e servizos, tendo en conta que non se poderá participar para canxear lotaría, bebidas alcohólicas non alimentarias nin tabaco

Adhesión dos establecementos

Non existe límite de establecementos, polo que todas as empresas e autónomos poderán participar. Estará habilitado o seguinte número de teléfono para calquera dúbida que poida xurdir 982.260.204 e o seguinte enderezo electrónico bonoimpulso@deputacionlugo.org. 

Unha vez rematado o proceso de inscrición, a institución provincial publicará a listaxe de establecementos participantes e faralle chegar a cada local admitido un indicativo da súa adhesión no programa. Un cartel que deberá colocar nun lugar visible, facilitando así que a veciñanza saiba en que establecementos poderá canxear os Bonos Impulso.

Veciñanza

A Deputación porá a disposición da veciñanza da provincia un total de 17.000 Bonos Impulso. A súa solicitude realizarase unha vez remate a fase de adhesión dos establecementos, pero antes de que se abra o prazo, a institución provincial informará a través da súa páxina web, das redes sociais e dos medios de comunicación das datas e fórmulas para poder conseguir os Bonos Impulso. A súa asignación será por orde de presentación de solicitudes, respectando o número mínimo e máximo establecido de bonos por concello, e fixando nesta primeira fase de asignación un máximo dun bono por persoa.

Poderán solicitar un Bono Impulso as persoas maiores de 18 anos que residan ou estean empadroados nalgún dos 67 concellos da provincia. As persoas beneficiarias recibirán na súa casa a través de correo postal o seu Bono Impulso, que poderán utilizar como método de pagamento nun único establecemento. Este bono será nominativo, é dicir, levara o nome e apelidos de cada persoa, o que permitirá identificalo no momento da compra. O prazo para a canxear os bonos rematará o 31 de agosto. 

Os únicos gastos que non se consideran subvencionables serán as bebidas alcohólicas non alimentarias, tabaco e lotarías, deixando de manifesto que tanto a hostalería (incluídos os servizos de aloxamento) como estancos, poderán participar xa que ofertan máis produtos no seu establecemento. 

De non esgotarse todos os bonos nesta primeira fase de solicitude, a Deputación de Lugo habilitará novos prazos e realizará sorteos entre aqueles cidadáns interesados en participar no programa.

Dixitalización das PEMES

Os establecementos que se adhiran ao programa poderán participar nun proxecto integrado dentro das medidas do Plan Impulso da Deputación de Lugo a través do que se mellorará a xestión, a dixitalización e a visibilidade social do negocio de forma gratuíta. A institución provincial porá á disposición das penes e micropemes, se así o aceptan, formación e novas destrezas que fagan máis competitivos os negocios da provincia.