Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

O GDR Terras de Miranda contará cunha guía turística

Por 21 Maio, 2021Sin comentarios

Vanse investir preto de 340.000 euros na Mariña lucense a través da medida Leader, para dinamizar a economía mediante o impulso do turismo e do tecido produtivo local, así o comunicou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé.

A Consellería do Medio Rural destinou máis de 42.000 euros á guía turística que presentou esta tarde o GDR Terras de Miranda e outros 200.000 euros a rehabilitar a casa onde se levou a cabo esta presentación, para dedicala ao turismo rural no municipio de Barreiros. A maiores, achegou máis de 95.000 euros a poñer en marcha unha carpintería metálica emprazada no mesmo Concello.

Inés Santé comezou a súa visita á Mariña, precisamente, nesa carpintería metálica de aceiro inoxidable situada no parque empresarial de Barreiros, que recibiu unha axuda de 95.071 euros xestionada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural ao abeiro da medida Leader. Como primeira empresa da comarca dedicada exclusivamente a este sector, a directora xeral comprobou que a firma ofrece asesoramento, deseño, fabricación, colocación e mantemento do produto final, priorizando como materia prima o aceiro local de orixe reciclada.

O seguinte destino foi a casa de turismo rural Araucaria House, beneficiaria dunha achega de 200.000 euros da medida Leader. Situada nunha parcela de 7.726 m² da parroquia de San Cosme, o proxecto consta dunha casa principal, catro edificacións secundarias e superficies anexas como unha eira e hortas cunha palleira, hórreo e pozo. Mediante a iniciativa subvencionada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural rehabilitouse a construción -que figura na “lista de bens con valor cultural e que deben ser obxecto de protección” elaborada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta- para convertela nun establecemento de hostalería coa clasificación turística de “Casa Grande”. As novas instalacións dispoñen de sete cuartos dobres e un individual, oito baños e un total de 18 prazas, ademais de zonas comúns como un comedor, sala de lectura, ximnasio, área de xogos, sala-taller ou sala de reunións. 

Na Araucaria House, precisamente, tivo lugar a presentación da guía turística elaborada polo grupo de desenvolvemento rural Terras de Miranda e que recibiu unha axuda da medida Leader de 42.710 euros. O proxecto persegue impulsar os negocios de turismo rural da zona, fomentar o coñecemento de toda a oferta turística da comarca potenciándoa como destino seguro, saudable e de natureza e levar a cabo distintas accións de promoción e comunicación en redes sociais. Cómpre apuntar que para a elaboración desta guía se buscou a colaboración co sector primario e terciario, así como co resto de organismos e institucións, de cara ao desenvolvemento económico, social e cultural da Mariña lucense. 

Convocatoria Leader

Cabe lembrar que continúa aberto -ata o vindeiro 3 de xuño- o prazo para que os interesados en beneficiarse das axudas Leader presenten os seus proxectos ao correspondente grupo de desenvolvemento rural. Esta nova convocatoria conta cun orzamento de 13 millóns de euros para os anos 2021 e 2022, un presuposto que está cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), nun 2,5% pola Administración xeral do Estado e nun 22,5 % pola Xunta.

A través do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, onde está enmarcada a medida Leader, aprobáronse nese período un total de 1.151 proxectos (629 produtivos e 522 non produtivos) cos que se conseguiron consolidar 2.636 empregos e crear outros 778 novos postos, cunha axuda pública de 62 millóns de euros.