Skip to main content
Deportes SARRIAXASarria

Un clube familiar que transmite o encanto do fútbol sala

Por 30 Maio, 2021Xuño 1st, 2021Sin comentarios

Os Meigallos FS conta cunha evolución ascendente coa que logra formar a 150 nenos, así coma encher o pavillón do Chanto os fins de semana cos encontros do equipo xuvenil e do senior masculino.

Despois de 16 anos de vida, Os Meigallos FS segue evolucionando ano tras ano de forma positiva grazas aos esforzos de pais e nais que loitan por seguir traendo o fútbol sala á vila de Sarria.

Pódese dicir que a historia comezou cuns pais e nais que querían cumplir o desexo dos seus fillos de xogar ao fútbol sala, algo que non existía naquela época na vila, polo que crearon un equipo nunha categoría para poder competir. O interese do pobo por este deporte tan seguido en Lugo e en Galicia, levou a que esos pais e nais seguiran co proxecto ata convertilo no clube actual, que conta con tódalas categorías -biberón, prebenxamín, benxamín, alevín, infatil, cadete, xuvenil, senior masculino e senior feminino- e con 150 nenos.

Unha historia que se podería definir como familiar, tal e como dixo a súa actual presidenta, Violeta Díaz, “se tivera que definir o clube cunha palabra sería familiar. Todos e todas axudamos no que faga falta, ben sexa lavar roupa dos pequenos, levalos aos partidos, etc. É unha familia na que colaboramos todos”.

En canto ao número de nenos, según Díaz, suele crecer cada tempada, sen embargo este ano, polo tema da covid19, notouse unha lixeira baixada “notouse que veñen menos pequenos. Máis ou menos temos igual en tódalas categorías pero a algún non o deixan vir seus pais polo tema da covid. Realmente a xente aínda ten medo”.

Así mesmo, dende o clube destacaron a adaptación de tódolos nenos ás medidas sanitarias correspondentes en cada momento xa que a pesar de ir variando e de teren que levar a máscara posta non é un problema se así poden seguir facendo o que lles gusta. Gracias ás medidas e ao bo procedemento do protocolo, Os Meigallos é un dos clubes que non rexistrou ningún caso de covid, polo que só tiveron que suspender os adestramentos cando foi obligatorio para todos.

Sen embargo, un dos problemas que máis lles afecta cada tempada é o tema dos adestradores “é un problema porque somos un clube familiar que só consegue unha subvención por parte da Deputación. De feito, o Concello de Sarria non nos dá axudas dende o 2016, polo que non podemos ter a naide que se adique ao fútbol sala por completo”, sinalou Violeta Díaz. Por esta razón, o clube tira de canteira e os adestradores son os propios rapaces que xogan en categorías superiores e que contan co carnet de monitor ou de adestrador de fútbol sala.

Outro aspecto que se destaca dende o clube é a resposta que deu e que segue dando a xente da vila en canto ao equipo e aos encontros. O pavillón do Chanto lograba encherse tantos nos partidos dos xuvenís coma nos partidos do equipo senior masculino brindando ao equipo un reforzo moral e convertindo o partido de fútbol sala nunha data marcada todas as semanas que se xoga na casa.

Actualmente, coas restricións de aforo só poden entrar 56 persoas ao pavillón, polo que se hai que apuntar previamente nunha lista para poder asistir. Por esta razón é moita a xente que ten que quedar fóra xa que o aforo se completa con certa velocidade. En canto aos máis pequenos, só se permite pasar a dúas persoas por xogador para non pasarse do aforo e para cumprir coas medidas establecidas.

Pódese dicir por tanto que Sarria logrou crear un clube familiar que consegue xuntar a gran parte do pobo no pavillón para desfrutar e sentir un deporte, neste caso, o do fútbol sala.