Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Aprobado o Plan de Sostibilidade Turística da Mariña

Por 28 Xullo, 2021Sin comentarios

A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, vén de anunciar a aprobación do Plan de Sostibilidade Turística da Mariña, dentro da Conferencia Sectorial de Turismo onde se acordaron coas Comunidades Autónomas e as Entidades Locais os 23 proxectos que financia o programa ordinario de Plans de Sostibilidade Turística en Destinos, cun investimento total de 64 millóns de euros en 3 anualidades. 

O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Fran Cajoto, quere agradecer ao goberno de Pedro Sánchez, á ministra e a todo o seu equipo, especialmente á Secretaría de Estado de Turismo, encabezada por Fernando Valdés, “o seu forte e decidido compromiso coa Mariña Lucense, unha comarca cun potencial de crecemento enorme e con recursos patrimoniais e naturais moi importantes que hai que poñer en valor”.

“Foi un traballo técnico ben conformado, unha candidatura moi potente e un esforzo considerable que obtivo a súa recompensa. Hai que agradecer o labor da xente anónima que estivo traballando para que saíse adiante: técnico de Turismo da Mancomunidade, Fundación Juana de Vega e as administracións central e autonómica, porque sen o seu apoio técnico e económico non se podería ter acadado”, destaca Fran Cajoto, quen engade: “tiven o privilexio de acudir como relator á presentación dos Plans de Sostibilidade Turística en Lanzarote. Ademais aproveitamos a feira de turismo de FITUR para manter unha nova xuntanza co secretario de Estado. Pero o resultado do traballo está aí e os importantes recursos que inxectará o plan servirán para traballar na desestacionalización do turismo na Mariña e xerar produto para que máis visitantes acudan fóra da tempada de verán”. 

O presidente da Mancomunidade lembra que este plan “foi aprobado de forma unánime polos 16 concellos que conforman a comarca, fóra de localismos por un proxecto conxunto”.  

Fran Cajoto explica que “unha das liñas máis importantes do Plan está reservada para oficializar e potenciar o Camiño do Mar, ruta de peregrinación a Santiago esquecida e que discorre por todos os concellos costeiros. Presentamos liñas de actuación que abranguen a todo o territorio da comarca. Así, poñer en valor as fervenzas que hai na Mariña, traballar en rutas de BTT ou sendeirismo, definir unha rede de miradoiros ou de turismo ornitolóxico constitúen accións que benefician a toda a comarca no seu conxunto e non a un concello de forma individual”. Ademais indica que “o plan conta cunha parte promocional moi importante, que pode constituír un salto de calidade: temos as condicións e temos as gañas; e agora, afortunadamente, tamén temos os recursos”.