Skip to main content
Sarria

O Pleno de Sarria aproba a moción sobre ponte Ribeira

Por 31 Xullo, 2021Sin comentarios

O Pleno de Sarria -celebrado telematicamente- aprobou o pasado xoves dúas mocións presentadas polo Partido Popular. Por un lado, aprobouse a moción sobre a ponte Ribeira e, por outro, a moción sobre Treilán.

Por outra parte, o proxecto de mellora da Edar tamén quedou aprobado. Nel, buscábase unha mellora do saneamento e da estación depuradora de augas redisuais na que se conectará un colector. Así mesmo, unha vez que a Confederación Hidrográfica confirmou a modificación do documento atendendo as inquedanzas da veciñanza e do Concello, o pleno aprobou o proxecto cos votos a favor do PSOE e do goberno.

En canto ás mocións do Partido Popular, no caso da primeira, o PP defendeu que sempre estivo a favor da construción da ponte e, por iso, instou no Pleno pola execución inmediata do proxecto de reconstrución da ponte Ribeira, coas pequenas modificacións técnicas que foran precisas, licitadas no anterior mandato coa conseguinte reapertura do tráfico rodado na rúa Peregrino. Ademais, tamén pediron á Xunta de Galicia a cofinanciación de dita obra, para que poida levarse a cabo da forma máis rápida posible, reorientando os fondos do convenio coa Deputación de Lugo.

Por outro lado, no caso de Treilán, dende a formación popular denunciaban que, a pesar da súa cercanía coa zona urbana de Sarria, carece de rede de abastecemento de auga.

Por esta razón, tamén se aprobou a atención ás peticións veciñais presentes e a inmediata redacción dun proxecto de ampliación da rede pública municipal de auga a Treilán e a súa zona de expansión residencial.